✍️📸 Concello do Rosal
As sobreiras da Ermida da Madalena, incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.
Velaquí vos deixamos -íntegra- a nota de prensa remitida polo Concello.
“Este logro é un recoñecemento do traballo para a posta en valor deste patrimonio natural único, para o que se contou coa inestimable implicación da CMVMC das Eiras e do seu presidente, Xoán Manuel Gándara, como promotor.
O conxunto de sobreiras da Ermida da Madalena do concello do Rosal acaba de ser incorporado ao Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, un rexistro público dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no que figuran todas aquelas árbores e formacións que merecen unha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais.
Un logro que supón un recoñecemento do traballo para a posta en valor deste patrimonio natural único de grande importancia, para o que contou coa inestimable implicación da CMVMC das Eiras, con especial implicación do seu actual presidente, Xoán Carlos Gándara, promotor da iniciativa. “Para nós é importante que se recoñeza a riqueza histórica, ambiental e patrimonial que temos no municipio e estas árbores non soamente contaban coas condicións idóneas para ser incluídas no catálogo polo seu porte, senón tamén pola paraxe singular na que se atopan”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Na solicitude destacáronse os principais valores destas catro árbores singulares, pertencentes á especie Quercus suber con excepcionais características no seu porte e dendrometría, especialmente os tres exemplares de maior tamaño. Así, as árbores teñen un perímetro que oscila entre os 3,8 e os 4,3 metros e forman entre todas unha copa cunha base de forma elíptica de 32 m no eixo maior e 23 m no menor.
Outra das características que influíron na súa inclusión no catálogos son os seus notables valores estéticos e paixasísticos ao atoparse ao pé da capela da Madalena, ben de interese patrimonial catalogado, e o valor histórico do conxunto, situado a carón dun xacemento arqueolóxico. Ademais, a capela aparece mencionada en documentos do século XII como pertencente ao Mosteiro de Oia e tamén está acreditado que a zona serviu de emprazamento de pezas de artillería nas guerras con Portugal.
Este catálogo, que está en constante actualización, ten rexistrados neste momento case 179 elemenros de 80 especies diferentes elementos espallados por toda a comunidade galega, 157 exemplares individuais e 39 formacións arbóreas. Coa inclusión das sobreiras da Madalena no catálogo garántese a protección e conservación do conxunto, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente a súa integridade, saúde ou á súa aparencia e calquera proxecto a realizar necesitará autorización administrativa previa da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.