Este venres 12 de xuño (19:30 horas) terá lugar na Librería Ideas de O Rosal (rúa Ramón Franco, 22) a presentación oficial* do primeiro número do xornal O ROSALEIRO, unha publicación en galego, de periodicidade bimensual de índole histórica, cultural e deportiva, que se xestou durante este confinamento.

O ROSALEIRO nace en formato impreso para conmemorar o 12º aniversario en Internet da páxina web Noticias O Rosal (www.noticiasorosal.es) así como para todo aquel que non ten a posibilidade de “navegar”.

Trátase do primeiro periódico na historia da vila rosaleira, que ademáis está dedicado á figura do lembrado mestre e poeta ourensán Xosé Carlos Gómez Alfaro, fillo adoptivo da Guarda.

Neste número inaugural, de edición limitada, figuran curiosas imaxes antigas –inéditas- así como exclusivos artigos de investigación. Entre eles, fálase da orixe etimolóxica do topónimo “O Rosal”, dos sepulcros antropomorfos de Marzán (s. V-VI) ou do documento escrito máis antigo da vila, con máis de 2000 anos de antigüidade.

Igualmente O ROSALEIRO, que irá incorporando firmas de recoñecidos escritores e historiadores do Baixo Miño e Galicia, aborda neste nº 1 a Arqueoloxía, comezando cronoloxicamente polos petróglifos ou gravados rupestres e a Idade do Bronce, da autoría do investigador local Xoán Martínez Tamuxe.

A sección “Veciñ@s da Comarca” acometerá, así mesmo, novidosas crónicas da vila guardesa, de Oia, Tomiño e Tui, estreándose con “Manuel Ángel e o Monte Trega (A Guarda)”.

Por suposto, neste xornal non podería faltar o apartado sociodeportivo, que “debuta” –entre outras- coa reportaxe “Dous anos da histórica xesta do Novás”, a particular visión de como viviu o afeccionado rosaleiro Sergio Diego, alias “Frony”, o ascenso do Atlético Novás a División de Honor Prata do balonmán nacional.

A publicación, editada pola web cultural Noticias O Rosal e Librería Ideas, pode adquirirse nos establecementos que esta última posúe tanto en O Rosal como en A Guarda.

*Será obrigatorio o uso de máscara para acceder ao local e durante a presentación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.