Segundo vén de anunciar o Acanor Atlético Novás e tras acoller O Rosal en 2015 o partido internacional entre Galicia e Marruecos (arriba, na imaxe destacada) “os afeccionados ao balonmán estamos de noraboa. O vindeiro 8 de xaneiro o Pavillón Municipal de O Rosal será escenario dun amigable entre Galicia e Xapón (hora por confirmar). Será unha ocasión inmellorable para gozar dos xogadores galegos máis destacados e tamén para ver a evolución do combinado nipón, que competirá uns días despois no Campionato do Mundo de Francia“.

Así mesmo, o sábado 7 de xaneiro terá lugar a VI edición do Torneo de Nadal, “que reunirá a 150 deportistas”.

Tal e como se pode ler na web do Novás: “Para un club e unha localidade humildes como o Atlético Novás e O Rosal é unha oportunidade única acoller un encontro internacional”, afirma o presidente da entidade deportiva Andrés Senra. Ante a importancia da cita, Senra recoñece que é “un desafío bonito” e á vez fácil “gracias á acollida calurosa que sempre realizan os afeccionados galegos aos eventos relacionados co noso deporte”. Por último, o máximo responsable da entidade rosaleira, manifesta que acoller un partido entre Galicia e Xapón supón “un paso máis no noso obxectivo de seguir crecendo e consolidando os nomes de O Rosal e o Atlético Novás”.

Recálcase que “aínda non se deron a coñecer os nomes dos xogadores que vestirán a camiseta de Galicia nin tampouco dos técnicos que dirixirán ao grupo nesta importante cita, si o ten feito o seleccionador xaponés Antonio C. Ortega, quen xa presentou a listaxe provisional de 28 xogadores que poderían representar ao país asiático na cita mundialista. A falta de que o técnico defina o grupo final, ademáis da presencia do español no banquillo, destaca na convocatoria inicial un bo coñecedor da Liga ASOBAL: o central do Ángel Ximénez, Atsushi Mekaru”.

Tedes máis información na web do Acanor Atlético Novás.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.