O presidente de Moteiros do Baixo Miño, Senén Correa Renda, vén de presentar na Librería & Editorial Tamuxe, sede física da nosa web, a 4ª Concentración, que se celebrará en O Rosal os días 23 e 24 de xullo de 2022.
O evento, que é libre e para todos os públicos, comezará o sábado 23, a partir das 9:00 horas, coa apertura de inscricións na Cafetería Skape 30.
Organizada por Moteiros do Baixo Miño, a Concentración conta coa colaboración do propio Skape 30, do Concello do Rosal, Protección Civil do Rosal, AGMG (Asociación de Grupos Moteiros Galegos) e mesmo do Campionato Galego de Mototurismo.
Quen o desexe (non fai falta ser moteir@) poderá inscribirse para comer e cear (en caso de tan só querer unha das comidas, pagaría media inscrición). A inscrición completa é de 35 € (comida e cea) e a media, 25 €. Haberá carpa.

Segundo nos conta Senén, as inscricións, serán no propio día 23 de xullo, pero podes anotarte ou reservar a túa inscrición nos teléfonos que aparecen no cartel (605 811 919 – 664 430 250) e tamén no Skape 30.
Para quen veña de fóra ou desexe quedarse en O Rosal, haberá zona de acampada habilitada nas inmediacións do evento.
Moteiros do Baixo Miño anuncia que un dos pratos fortes desta 4ª Concentración será o espectáculo que ofrecerá a partir das 17:00 horas o mítico Paulo Martinho, onde realizará unha das súas famosas exhibicións na explanada de Barbuntín.
Así mesmo, haberá xogos populares, hinchables e toro mecánico na rúa Pascuala (a do Skape 30) e xa, despois da cea, concerto con La Patrulla e o picadiscos Freddy’j, tamén no recinto de Barbuntín.
Xa o domingo 24 de xullo, a partir das 9:00 horas, almorzo. Logo, ás 11:00 horas, ruta e para finalizar pinchos e festa no Skape 30.
O Club Moteiros do Baixo Miño, co seu “presi” Senén Correa á cabeza, queren dende aquí “aproveitar para convidar a todo o mundo a que disfruten desta xornada, que se acheguen ata O Rosal. Ademais, non me podo esquecer de agradecer a toda esa xente que colaborou con nós, ás empresas patrocinadoras e aos particulares, que sempre están aí para botar unha man. Graciñas, de verdade“.