Xosé Carlos González Blanco, director do San Xerome, presentou este acto
O Ciclo CAPACITAD@S, incluído no “Verán cultural” organizado pola concellaría de cultura do Rosal, intenta amosar as capacidades das persoas que erroneamente veñen etiquetándose como “sen capacidades” (discapacidade, deficiencia, minusvalía, …) O domingo 5 de xullo abriuse este ciclo no Auditorio Municipal coa proxección do documental “Cantos Rodados”, film dirixido polo ourensán Xoel Méndez, coa dirección de fotografía de Cuco Pino, a montaxe e posprodución de Rubén Lázaro, a prosprodución de son de Meli Souto e música de Xerock e Víctor Fuggetto. A produción executiva correu a cargo de Julio Casal e Mamen Quintas. Esta é a sinopse da cinta: “A música amansa ás feras pero… quen amansa á música? No ano 2003 impártese no centro de integración San Xerome (A Guarda) un taller de musicoterapia que ten un desenlace inesperado. Gene, malia a súa discapacidade severa, descobre unha abraiante destreza para a percusión. Froito desta descuberta nace Xerock, unha banda de sanación e meditación composta por alumnos e traballadores de San Xerome. Este documental é un canto a prol da integración, unha homenaxe ao San Xerome e a Xerock, a estas vidas luídas polos infortunios da xenética. Cantos Rodados é unha mostra de coraxe e vitalidade, unha lección de rock. Un filme adicado a todos os que loitan por facer do noso ser, algo máis humano”. Xusto ao rematar a proxección, os integrantes de Xerock ofreceron un fantástico concerto en vivo para os seus seguidores e asistentes a este acto músico-cultural. Velaquí vos deixamos algunhas fotografías, esperando en breve ofrecervos un pequeno vídeo desta actuación:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.