Jue. Dic 1st, 2022

Onte, mércores 8 de xuño, tivemos o pracer de entrevistar na nosa sede de Librería & Editorial Tamuxe a Marcos Pequeño Fernández, máis coñecido deportivamente por ‘Peque‘, xogador rosaleiro que vén de renovar o seu compromiso co Balonmán Cañiza da 1ª Nacional para a vindeira tempada 2022/23.

A vila da comarca da Paradanta e o pavillón do “Polvorín” volverán, pois, a disfrutar un ano máis de Peque, xa que segundo se afirma dende o club da Cañiza, o extremo dereito do Rosalconvertiuse nunha peza fundamental dentro do vestiario, gañándose o cariño dos seus compañeiros e da grada coa garra que mostra no seu xogo“.

Marcos Pequeño, que naceu en Novás un 9 de xuño de 1993, xa nos adiantaba que hoxe estaría de aniversario, así que, de primeiras, parabéns ‘Peque’!

Aos 4 ou 5 anos, lembra o noso entrevistado, comezou a xogar ao balonmán en O Rosal “instigado” pola súa familia… non en van os seus pais e os seus tíos (Óscar, José ou Juan Andrés) practicaron o handball e aínda o seu avó, José Carlos Fernández Martínez (Carlos de ‘San José’) foi presidente do Atlético Novás.

O Guardés, o Balonmán Tui, o Atlético Novás e agora o Balonmán Cañiza teñen disfrutado do seu espectacular xogo e das “roscas imposibles”, as “pequeroscas” como algúns as denominan.

Aínda que comezou no seu extremo natural (o esquerdo, xa que é diestro) logo de cadetes no Novás e ante a falta de xogadores zurdos, confésanos entre risas que se pasou ao dereito pois dábaselle ben “son ao revés de todo o mundo, o meu é o mesmo caso no que estiveron no seu momento Manolo Armán “Gorras” ou Germán Fernández “Jimy”, estamos no lado dos zurdos”.

Agora, na súa segunda tempada no Balonmán Cañiza e despois de compartir vestiario cos tamén rosaleiros Jorge Martínez, Charly Rodríguez ou Dani “Pintus”, aspira a realizar unha boa campaña “e a competir de tú a tú con todos os equipos e quedar, por suposto, o máis arriba posible na clasificación final“.

Preguntándolle sobre o seu dorsal preferido -pois Peque ao longo da súa carreira deportiva xogou cos números 19, 24 ou 41, entre outros- o extremo do Rosal admite que é o nº 19, pois colleulle cariño da súa fantástica etapa no Balonmán Tui, que é onde explotou como xogador, sendo durante eses anos un auténtico referente na 1ª Autonómica.

Iso si, como veremos dentro dun chisco, aquí… hai un pouquiño de “trampa”. E dicimos isto porque Marcos Pequeño revélanos, ante a pregunta de quen é o seu ídolo, unha anécdota co dorsal e o número. Se ben cóntanos que un dos seus xogadores preferidos é o ex-internacional Juanín García, “que sempre foi de roscas e a min iso sabedes que me gusta“, tamén nos expresa a súa admiración por un ex-xogador do propio Novás, o rosaleiro Ramón Martínez: “cando xogaba na base sempre quería o dorsal 17 por Ramón. Era o meu ídolo de pequeno. Poucas veces me cadrou xogar co 17 pero cando o tiven vaia se o disfrutei“.

Peque, de carácter afable e alegre, recoñece nesta entrevista que o balonmán é o meu día a día, a miña vida, a miña felicidade. E para rematala, como sempre facemos, aí van unhas preguntiñas máis distendidas e persoais:

Unha comida: a pizza… e o churrasco.

Unha bebida: de festa ron (risas) e se non, coca-cola.

Unha canción: calquera actual de motivación.

Un grupo de música: La Fuga.

Unha cor: o vermello.

A túa paraxe preferida de O Rosal: Os muños do Folón e Picón.

Un soño deportivo por cumprir: formar parte do primeiro equipo do Novás.

Un soño cumprido: xogar varios partidos co primeiro equipo do Novás e ser co filial campións e MVP da Copa Galicia.

 

Dende Librería & Editorial Tamuxe e Noticias O Rosal, graciñas ‘Gran Peque’ por achegarte á nosa sede e concedernos esta entrevista.

Moita sorte nesta tempada co Balonmán Cañiza! Unha aperta!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies