

-Noraboa e graciñas Noé por conceder esta pequena entrevista a NOTICIAS O ROSAL. ¿Que significa para ti –persoal e deportivamente falando- clasificarte directamente para a Copa do Mundo de 2023 en Orlando (EEUU)?
Son momentos de moita satisfacción por volver a representar a España, neste caso nun Mundial, onde competiremos a nivel individual e por seleccións. Podo dicir que foi un ano moi esixente de competicións e adestramentos, onde se conseguiu o obxectivo do Mundial.
-¿Cal é a saúde do footgolf galego e aínda do español? ¿Como ves o futuro deste deporte?
O Footgolf é un deporte en pleno crecemento, tanto a nivel autonómico como nacional e internacional. A nivel Galicia cada vez hai máis xogadores que se animan a participar en probas do Campionato de España ou aínda internacionais. Todo isto apunta a que o Footgolf engancha!! A nivel nacional somos un dos países con maior número de licenzas e onde os últimos anos se viu unha gran evolución do Footgolf grazas á FEFG… e os xogadores cada vez son máis competitivos.
A nivel autonómico, nacional e internacional hai moitos xogadores importantes. Cada vez compiten máis e proba disto é que se fan máis fortes física, técnica, táctica e psicoloxicamente (quizais a parte máis importante). Todos os xogadores clasificados con España para o próximo Mundial están a un nivel incrible. Creo que daremos moito que falar en Orlando.
O futuro do Footgolf vai por bo cauce. Sempre hai cousas a correxir e mellorar onde os grupos de traballo dedican horas para que así sexa. Crucemos os dedos para ver o Footgolf como Deporte Olímpico en futuras xeracións.
-Dende que comezaches no footgolf, cales consideras que teñen sido os teus maiores logros?
Dende o punto de vista competitivo, todos os campionatos que logrei teñen algo de especial. A nivel autonómico quédome co primeiro Campionato Galego da historia do Footgolf, onde salín vencedor.
A nivel nacional os tres momentos máis importantes:
1. A clasificación coa Selección Española para la Eurofootgolf 2021 en Hungría.
2. A etapa 2 do Campionato de España en Golf Ría de Vigo onde acabei con Hole in One no último hoyo para levarme a vitoria (pechando os ollos todavía vexo o balón entrar). (Risas)
3. Esta clasificación para a ansiada Copa do Mundo 2023 en Orlando, quedando como sabedes 4° clasificado no Campionato de España.
A nivel internacional:
O 3° posto en categoría masculina e o 4° posto en clasificación absoluta que conseguín no Campionato de Portugal 2022.
-O Rosal conta co Campo de As Faias na parroquia de San Xoán de Tabagón. Como veciño e impulsor do footgolf en Galicia, cales son Noé as túas sensacións cando xogas “en casa” ou ves que este deporte, en verdade, vai crecendo a nivel rexional, nacional e aínda internacional?
As Faias foi o primeiro campo de Footgolf en Galicia de forma reglada para unha competición. Celebrar etapas do Campionato Galego e outras competicións aquí é importante para o Baixo Miño e alrededores. O dato máis importante para As Faias é que neste 2022, deste viveiro de Footgolfistas, teñen saído tres campións en diferentes etapas do Campionato de España (Fabio Pereira, Sito Campo e Noé Cortiñas) e tres xogadores con praza de Mundial (Sito Campo, Marco Bartomeu e Noé Cortiñas). A falta de varias probas nacionais que outorgan as últimas prazas do Mundial aínda podemos dar máis sorpresas.
-Xa para rematar, se queres mostrar o teu agradecemento ou enviar algunha mensaxe, este espazo é teu.
Loxicamente, gustaríame nomear á miña familia, que é o pilar máis importante para poder dar estes pasos no Footgolf. Tamén agradecer a todas esas persoas, empresas e patrocinadores que cren e apoian un deporte en pleno crecemento como é o Footgolf. Aproveito para animar a probar o Footgolf a novos xogador@s. Para isto poden pedir información no teléfono 669888597, no correo electrónico footgolfgalicia@gmail.com ou ben nas redes sociais (Facebook: AGFG FG GALICIA / Instagram: footgolf_galicia). Graciñas!