O sábado 25 de xaneiro, ás 10:30 horas, terá lugar na igrexa parroquial de Santa Mariña do Rosal a misa de aniversario na honra e lembranza do mestre cabaqueiro Manuel Rodríguez Martínez, máis coñecido por “Trintiña”.
Igualmente, A Gándara (A Guarda) acollerá este mesmo sábado unha homenaxe a Trintiña organizada polo seu neto, Sergio Rodríguez Rodríguez, xerente do Bodegón-Tapería Os Seixiños.
O evento consistirá nunha demostración na terraza do local de “taxicar cabacas e toupos a joucha” (facer tellas e ladrillos a man), así como na proxección de fotografías e vídeos inéditos dun dos más coñecidos telleiros do Baixo Miño.
Polo tanto, a partir das 17:30 horas, os cabaqueiros Buraco, Esteban, Piedra e compañía amosarán ao público que se achegue ata Os Seixiños algúns dos segredos deste artesanal oficio, hoxe practicamente desaparecido.
¡Dende Noticias O Rosal, o noso máis sentido recordo e admiración para Trintiña! Confirmamos xa a nosa presenza o sábado 25 de mañá, na misa, e de tarde, na homenaxe que se lle tributa na Gándara.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.