O “Campeonato de España Profesional Kickboxing K1” se celebrará este sábado 30 de xullo no pavillón Manuel González Soto de Chapela (Redondela) a partir das 19:00 horas.
Organizado polo club El Barrio Kickboxing e baixo o amparo da “FEKM- Federación Española de Kickboxing y Muaythai”, a entrada ten un custo de 15 € anticipada (18 € en taquilla o día do evento).
Segundo nos informan dende a Organización, disputaranse seis pelexas categoría amateur, sendo a sétima e última o combate estelar da velada, que medirá ao vigués Pablo Izard contra o madrileño Kevin Bosah polo título de Campión de España profesional de K1.
O evento contará co combate dun deportista rosaleiro, Marcos Marzán*, de 24 anos, que tras competir en boxeo e savate (boxeo francés) debutará en kickboxing (75 kg) fronte ao púxil local Miguel Rodríguez.
*O loitador de O Rosal é membro do Spartam Team Tomiño e alumno de Charly López, mestre de artes marciais e boxeador profesional de Goián. En declaracións a Noticias O Rosal, Charly, que estará en Chapela acompañando a Marcos, fai fincapé en que nunca se sabe que pasará, que hai moitos condicionantes pero que “está claro que sen traballo non hai resultados” e agarda que o seu pupilo, aínda que sexa a súa primeira lid “faga un bo papel, xa que é a modalidade que mellor se adapta as súas características“.
Moita sorte Marcos no teu debut e a por todas!