
Un pracer recibir en Librería & Editorial Tamuxe -a nosa sede física de Noticias O Rosal- a Pablo Pérez e a Riky Vicente, presidente e secretario respectivamente, da Asociación de Veciños de Martín e Visodoseidos (O Rosal).
Nunha distendida charla, Pablo e Riky contáronnos que este 2022 “tiraron a casa pola ventá”, xa que as Festas de San Xoán, que se celebran este venres 24 e o sábado 25 de xuño, veñen cargadiñas de actividades de lecer.
Os nosos activos amigos, que xa de moi novos botaban unha man á Comisión, sobre o ano 2013 colleron as rendas das Festas… e ata hoxe. Así, coa axuda dos demais veciños de Martín e Visodoseidos, xunto con diferentes casas comerciais da vila ofrecen nesta edición dous días de auténtica “jarana”.
O venres 24 de xuño, a partir das 10:30 horas, o grupo de gaitas Airiños do Folón percorrerá as rúas do pobo, para xa ás 12:30 horas, oficiarse unha misa de campaña a cargo de D. Julio Ramos, párroco de Santa Mariña, sendo cantada a cerimonia polo coro Ecos do Folón.
Pola tarde, a partir das 20:00 horas, Gran Sardiñada (sardiñas, pementos, viño e pan de broa) ademais de tapas de empanada e tortilla. Todo isto, co acompañamento musical de Airiños do Folón.
A partir das 0:00 h., Gran Fogueira de San Xoán e verbena co trío “La Noche del Grove”, que se prolongará ata altas horas da madrugada.
⚠☔ ATENCIÓN. Segundo comunica a Comisión de Festas de San Xoán, a sardiñada e fogueira pasan para o sábado 25 de xuño a partir das 20:00 horas.
E o sábado 25 de xuño, indícannos con ilusión Pablo e Riky, terá lugar a primeira Gran Noite de Djs co evento “O Son Dos Muños”, que contará coa participación de tres coñecidos disc-jockey da zona, como son Dj Charlie, Adrián Mesu e Diego Wass.
O presidente e o secretario da Asociación de Veciños de Martín e Visodoseidos lembran que haberá carpa en caso de choiva, ademais de sillas e mesas na propia Praza. Como non, e que non falte nunca nunha boa festa que se precie, contarase tamén cunha cantina a prezos populares.
Graciñas Pablo e Riky por visitarnos, que todo saia ben e noraboa polo voso fantástico traballo. Vémonos en Martín!