
O Club Balonmán Cangas Frigoríficos do Morrazo vén de confirmar hai escasos intres a renovación de Javi Díaz, porteiro de O Rosal, por unha tempada.
O noso eterno e incombustible cancerbeiro de Fornelos, seguirá, polo tanto, un ano máis (e xa van tres) defendendo as cores do Frigoríficos na ASOBAL.
Destacan dende o club “a ledicia que produce poder dicir que don Javier Díaz (O Rosal, 1975) seguirá unha tempada máis con nós protexendo as porterías de O Gatañal”.
Lembran ademais que Javi “debutou na Liga Asobal alá polo ano 1993, agora, 27 anos e máis de 500 partidos despois, sumará a súa 21ª tempada na máxima categoría do balonmán nacional, a terceira vestindo a camiseta do Frigoríficos e sendo un dos referentes dentro e fóra do parqué”.

O gardameta rosaleiro, segundo se pode ler na web do Cangas, recoñece que xa tiña decidido colgar as zapatillas “pero coa finalización da tempada sen xogar polo virus non era a mellor forma de retirarse” e aínda di sentirse “ben fisicamente e con ilusión por afrontar unha nova campaña”.
¡Dende Noticias O Rosal, a nosa sincera noraboa e moita sorte, Javi!
Tes a información completa, aquí.