Dom. May 22nd, 2022
Infografía da transformación da Praza. (📸 Concello do Rosal)

Informa: Concello do Rosal / Fotografías: J.R.

Hoxe, xoves 20 de xaneiro, deron comezo as obras da reforma integral da Praza do Calvario e da súa contorna, “un proxecto transformador co que o Concello do Rosal recuperará espazos públicos de calidade para a veciñanza. Encaixada na estratexia de desenvolvemento integral do núcleo urbano do Rosal, esta reforma servirá de modelo para o resto do municipio”.

Segundo se nos informa “O Concello aprobará en pleno extraordinario o financiamento da obra, que suporá un investimento de máis de 1,3 millóns de euros. A Deputación de Pontevedra, a través do ReacPon, financiará o 34% do custo da licitación da mellora da praza, ao tempo que o Concello está a facer un esforzo importante para a captación de fondos para proxectos transformadores e xa ten solicitados fondos europeos a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico”.

Os traballos, que xa se poden ver na Praza, terán unha duración aproximada de 10 meses. “Na reurbanización vanse usar materiais construtivos que preserven e potencien o carácter patrimonial e arquitectónico existente e melloraranse as condicións de mobilidade peonil e as condicións ambientais e paisaxísticas da Praza. Ademais, de forma paralela, realizarase unha reordenación da contorna do Calvario, así como do aparcamento”.

Abordamos esta reforma do núcleo urbano con moitas ganas e ilusión, porque vai supoñer unha mellora moi positiva e importante para o municipio. Manterase o uso polivalente da praza, pero dándolle un marcado carácter peonil, servindo de espazo de convivencia e lecer dos rosaleiros e rosaleiras e incrementando tamén o dinamismo comercial da zona”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

As obras suporán un esforzo colectivo que permitirá continuar mellorando o núcleo urbano do Rosal e dende o Concello poranse en marcha diferentes medidas para minimizar o posible impacto tanto en residentes como en comerciantes e público. Así, durante a duración das obras cambiará o sentido de circulación e haberá restricións nalgunha das rúas da contorna da Praza do Calvario, como a rúa Nova do Couso, que pasará a ser de sentido único dirección descendente, ou a rúa Jesús Noya, que será só para residentes e autorizados. A rúa Simón do Mazo será de sentido único dende a rúa Campo da Feira cara ao pavillón municipal, deixando un carril para circulación e outro para aparcamento e zona peonil para a veciñanza. Ademais, a poucos metros da Praza do Calvario tamén están xa habilitados os aparcadoiros de Xulio Sesto e Barbuntín.

A alcaldesa lembra á veciñanza que a recuperación da Praza do Calvario “vai dotar de identidade o centro urbano, reforzándoo como punto de revitalización urbana e comercial da contorna, propoñendo novos usos e actividades que dinamicen a zona”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies