
Comezan as obras no mercado (Praza de Abastos) do Rosal
Informa: Concello do Rosal // Fotografía: Arquivo Noticias O Rosal
Segundo se vén de comunicar dende o Concello do Rosal “comezan as obras de reforma íntegra do mercado” da vila.
“Esta primeira fase, cun custo de máis de 207.000 € -lémbrase- arranca o martes 12 de xaneiro e ten previsto estar rematada en menos de tres meses“.
Os praceiros e praceiras abriron xa os seus postos no mercado provisional habilitado na Escola Simón del Mazo (na imaxe), acondicionada polo Concello para poder dar o servizo.
“O Concello do Rosal -sinálase dende o ente municipal- iniciará este martes 12 de xaneiro a primeira fase das obras do seu mercado, unha reforma íntegra da praza de abastos para convertela nun espazo vivo no que fomentar a compra de produto local de proximidade, promover actuacións que fagan o comercio local máis atractivo e competitivo e dinamizar o núcleo urbano económica e socialmente”.
“Son os primeiros pasos para que o mercado sexa un polo de atracción non soamente para a veciñanza, senón tamén para o comercio local e mesmo para novas persoas emprendedoras que ven na praza de abastos unha oportunidade”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Os traballos de reforma do edificio terán un prazo de execución de menos de tres meses e un custo de máis de 207.000 euros que irán a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e de financiamento propio do Concello.
Para seguir ofrecendo o servizo á veciñanza e que os praceiros e praceiras poidan ter abertos os seus postos nun espazo alternativo mentres dure a reforma do mercado, o Concello remodelou e acondicionou a Escola Simón del Mazo para adaptalo á nova actividade. Así, dende este mesmo luns 11 de xaneiro os praceiros e praceiras xa abriron os seus postos ao público neste edificio que funcionará como mercado provisional.