Hoxe, mércores 20 de xullo, cúmprense exactamente seis meses dende que comezaron as obras “da reforma integral da Praza do Calvario e da súa contorna”.
Cun investimento de máis de 1’3 millóns de euros, os traballos deberán estar rematados antes da fin de semana da Feira do Viño do Rosal (7, 8 e 9 de outubro), que este ano cambiará de data para facela coincidir coa finalización das obras na Praza.
Segundo nos afirman diferentes veciños e comerciantes da propia Praza e da contorna do Calvario, están “desexando que rematen as obras, pois a afluencia de clientes e por conseguinte, as ventas, descenderon moitísimo” e comprenden con resignación que durante estes seis meses moitos dos seus usuarios se despracen ata as vilas cercanas, como A Guarda, para realizar as súas compras dunha maneira “máis tranquila e máis cómoda”.
Iso si, tamén nos confesan que o intentan levar “con paciencia, pensando que a reforma será para mellor e para disfrute das persoas“. Neste senso, a alcaldesa Ánxela Fernández Callís asegura que “abordamos esta reforma do núcleo urbano con moitas ganas e ilusión, porque vai supoñer unha mellora moi positiva e importante para o municipio. Manterase o uso polivalente da praza, pero dándolle un marcado carácter peonil, servindo de espazo de convivencia e lecer dos rosaleiros e rosaleiras e incrementando tamén o dinamismo comercial da zona”.
A alcaldesa lembra tamén á veciñanza que a recuperación da Praza do Calvario “vai dotar de identidade o centro urbano, reforzándoo como punto de revitalización urbana e comercial da contorna, propoñendo novos usos e actividades que dinamicen a zona”.
Dende Noticias O Rosal, a nosa solidariedade e o noso ánimo para os veciños e o #Comerciolocal da vila. Xa queda menos!