Dúas das formacións máis importantes de Galicia (por suposto, cada unha no seu eido) como son a recoñecida Banda da Agrupación Musical do Rosal e o mítico grupo ‘A Roda’, “competirán” durante as XXX Festas do Cabaqueiro e do Pilar por animar cos seus concertos a todas as persoas que se acheguen ata a Praza do Calvario.
O Rosal acolle o mércores 11 e o xoves 12 de outubro as Festas do Pilar e a XXX Romancha do Cabaqueiro na honra e homenaxe aos vellos mestres telleiros do Baixo Miño.
MÉRCORES 11 DE OUTUBRO

O grupo de gaitas Airiños do Folón actuará pola rúa de mañá. A partir das 10 da noite será a quenda de disfrutar das míticas cancións de A Roda como “O andar miudiño” e “Pousa, pousa”.
Unha vez remate o concerto, comezará a verbena coa orquestra A Oca Band.
XOVES 12 DE OUTUBRO
A Coral da Agrupación Musical do Rosal cantará a misa solemne na honra da Virxe do Pilar. Xa de tarde, a partir das 17:30 horas, o rosaleiro Rafael Vicente Fernández lerá o pregón deste 30 Aniversario da Festa do Cabaqueiro.

A continuación, a tradicional demostración de “taxicar cabacas e toupos a joucha” (os cabaqueiros realizarán ‘en directo’ tellas e ladrillos a man na Praza do Calvario).
