Trátase dunha das cruces (modernas) dos camiños, xa á beira, xa nas súas inmediacións, dende onde se poidan contemplar.
Este comentario garda relación co que fixemos a primeiros de ano, aludindo ao curioso díptico-felicitación-anuncio do anuario, que oportuna e loablemente, fixo a nosa Comunidade de Montes de Santa Mariña do Rosal, que preside Isaac González.
Aquel noso comentario fixérase en torno á primeira ilustración do almanaque do ano en curso, o “Espiral do Picouto”, un detalle do noso Patrimonio Prehistórico.
Agora abordamos a outra ilustración (correspondente aos meses xaneiro-xuño). Consistiu na mostra da “Cruz da Portela” (paso, porta) entre os montes do Torroso e Campo do Couto, camiño a Sanxián e Portecelo e á propia Costa Atlántica (“Per loca marítima”).

A Cruz da Portela, cando menos, data do século XVIII, ao igual da que se atopa á beira do camiño en Peitoril. Pois por diante ou próximo a elas pasaron, nalgún tempo, os cadáveres dos veciños de Sanxián, que eran sepultados no cemiterio da parroquia de Santa Mariña.
Facendo un pouco de historia, temos que lembrar que a cruz que se mostra no aludido almanaque, obra do escultor rosaleiro Félix Gómez Fidalgo, foi levantada en 1994 pola propia Comunidade de Montes da nosa parroquia, xa que a orixinal, coidamos tamén primitiva, sufrira un vandálico atentado, destrozándoa en parte.
Proba da nosa aseveración é a foto que damos a coñecer.

Triste, lamentable e fatal coincidencia que esta “Cruz da Portela”que ilustraba o díptico, promocionando e lembrando aos rosaleiros cun sinxelo monumento agora histórico, detalle evidente do noso rico e abundante Patrimonio Histórico Monumental, voltou recentemente a ser incomprensiblemente e inxustamente, obxecto da mala fe, da ignorancia e do incivismo.
