
Como se daquela lembrada expresión pronunciada por Florentino Pérez se tratara, o Acanor Atlético Novás desta 2016/17 aseméllasenos -permítase o símil- á filosofía dos “Zidanes e Pavones” (firmar unha das principais superestrelas por ano e promover xoves desde a canteira) que tan bos resultados lle deu daquela ao equipo madridista.

Na imaxe, un claro exemplo -salvando por suposto, todas as distancias (fútbol/balonmán)- con Nico López Rey e Iago Flores, dous dos protagonistas deste renovado e potente conxunto rosaleiro.
Partidazo, pois, cos “Nicos e Iagos”, o que se puido ver o pasado sábado 1 de outubro no pavillón municipal do Rosal. O Acanor Atlético Novás que preside Andrés Senra, recibía a visita dun dos “cocos” da Primeira Nacional, o Embutidos Lalín.

As previsións finalmente cumpríronse, pois a vitoria rosaleira decantouse por unha curta marxe (27-25) tras un igualado partido. O Acanor Novás, mandou sempre no marcador, agás ao final da primeira parte (12-13) para os lalinenses. Xa ao comezo da segunda remontaron en varias ocasións, con parciais de ventaxa de 2-3 goles.

O equipo de José Ramón Muñoz “Jota” encomendouse ás novas fichaxes Nico López Rey (autor de 8 goles) e Rubén Figueirido (4 goles), así como ao pivote rosaleiro Iago Flores (4 goles), máximos anotadores do Acanor Novás tras dúas xornadas disputadas.
