Informa: Concello do Rosal.

O vindeiro sábado 7 de maio (18:30 horas) o Auditorio Municipal do Rosal acollerá “A viaxe de Rosalía”, segunda das actividades en marcha no marco do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes 2016’.

A proposta combina as técnicas da narración oral tradicional coa interpretación actoral, uns fermosísimos monicreques de mesa e música para mostrarnos a vida e a personalidade da nosa autora máis universal, Rosalía de Castro.

Este coidado espectáculo achega a Rosalía feminista, culta, valente e comprometida que ás veces a súa propia lenda ocultou. É Francisca do Campo, madriña de Rosalía, a personaxe que nos guía a través da traxectoria vital e artística de quen xa é un símbolo da cultura e da lingua galegas.