Mar. Nov 29th, 2022
Xoán M. Tamuxe en Astorga (León, agosto de 2022)

O historiador, arqueólogo e investigador galego Xoán Martínez Tamuxe (O Rosal, 1930), será homenaxeado no Concello de Tomiño este sábado 19 de novembro no salón de plenos (10:00 horas) con motivo da I Xornada de Arqueoloxía do Baixo Miño que coordinan a Universidade de Vigo e a Universidade Autónoma de Madrid.

Tal e como se informa dende o municipio veciño, Tomiño bota unha ollada ao seu pasado coa celebración da ‘I Xornada de arqueoloxía no Baixo Miño: un patrimonio por descubrir’, un encontro formativo organizado polo Concello e coordinado pola Universidade de Vigo e a Universidad Autónoma de Madrid que permitirá a todas as persoas asistentes “achegarse ao rico patrimonio que temos no municipio e na comarca, recollendo a historia das nosas e nosos devanceiros e permitíndonos entender a nosa realidade”, como explica a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Gómez Sobrino, González Santiso e Martínez Tamuxe en Currás (1972)

A xornada, que como dicimos renderá homenaxe ao investigador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe, conmemorará o 50 aniversario do descubrimento do xacemento romano e tardorromano dos Medos e do Adro da parroquia de Currás, descuberto na primavera de 1972. Foi o propio Martínez Tamuxe xunto a Jesús Gómez Sobrino e Aquilino González Santiso os que lideraron esas primeiras escavacións no xacemento, que é un exemplo “do enorme potencial arqueolóxico e histórico que ten o Baixo Miño, que dá pé aos numerosos proxectos de investigación e de divulgación que se veñen desenvolvendo nos últimos anos en toda a comarca”.

Liderada por Fermín Pérez Losada, o investigador do grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Facultade de Historia da Universidade de Vigo, e Silvia González Soutelo, investigadora do Madrid Institute for Advanced Studies (MIAS) da Autónoma de Madrid, a xornada reunirá a 15 expertas e expertos que afondará no valor arqueolóxico, paisaxístico e patrimonial do municipio e da comarca dende as 10.00 ata as 21.00 horas no salón de plenos do Concello.

Silvia González Soutelo (U. Madrid) e Fermín Pérez Losada (U. Vigo) franquean a Xoán Martínez Tamuxe

A xornada comezará coa homenaxe a Martínez Tamuxe por parte dos dous investigadores coordinadores, que tamén falarán do equipo arqueolóxico do Baixo Miño e do xacemento de Currás.

Tras eles Eduardo Méndez, da Universidade de Vigo disertará dos avances do estudo do Paleolítico antigo no Baixo Miño e Ana Betancourt, da Universidade de Minho, sobre as artes rupestres na comarca. Da man da arqueóloga Mar Cortegoso, Brais X. Currás (CSIC), M. Costa, T. Brochado e J. Machado as e os participantes poderán coñecer a evolución da explotación de sal dende a protohistoria ata a época romana no noroeste da península ibérica, así como da paisaxe no Baixo Miño entre a Idade do Ferro e a época romana.

O investigador Brais Xosé Currás durante unha escavación no Monte Trega (A Guarda)

Xa pola tarde, Juan José Perles explicará as actuacións arqueolóxicas no ámbito do conxunto histórico de Tui e Nieves Veiga (Veigarqueoloxía) e P. Ramallo (Max Planck Institute for Geonthropology e UPV/EHU) afondarán nas actuacións na igrexa parroquial tudense de San Bartolmé de Rebordáns. Pola súa parte, Francisco Alonso (Tempos), M. Fernández Pereiro e J.C. Sánchez Pardo (USC) falarán sobre o Monte Aloia e o Faro de Budiño, dous xigantes calados ata non hai moito. A última charla, a cargo dos investigadores da Universidade de Minho María do Carmo Ribeiro e R. Blanco-Rotea, versará sobre a arqueoloxía dos fortes da Portela do Extremo en Arcos de Valdevez, unha paisaxe de transición entre a raia húmida e a raia seca.

Este encontro rematará cunha visita nocturna de 19.00 a 21.00 horas ao petróglifo do Monte Tetón, que estará guiada por Lois Vilar do Instituto de Estudos Miñoranos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies