Segundo se vén de publicar na web do Concello de Ponteareas, a Festa do Corpus Christi 2017 –Festa de Interese Turístico Internacional– celebrarase dende o sábado 10 ao luns día 19 de xuño. “Os visitantes e veciños poderán gozar de actuacións en directo, exposicións, tirada de fogos, homenaxes, espectáculos e actividades de diferentes temáticas que pretenden abarcar a todo tipo de públicos.
Como cada ano a lectura do pregón do Corpus abrirá o programa de festas a cargo, nesta edición, do historiador e investigador -do Rosal- Xoán Martínez Tamuxe, seguido do concerto da Orquestra de Cámara Galega dirixida por Rogelio Groba Otero. (Sábado 10 de xuño, Auditorio Reveriano Soutullo, 21:00 horas).

Do martes 13 ao venres 16 é o tempo dos máis pequenos que gozarán coas animacións de rúa e a música tradicional, ademais de ter a ocasión de xogar nunha xornada dedicada aos xogos tradicionais populares.
A revista Pregón presentarase o mércores 14 no salón de plenos ás 21 horas.
O venres 16 ás 20 horas a laureada banda de gaitas Tremiñado acompañará á ofrenda floral no monumento ao alfombrista e tamén abrirá o desfile das carrozas o domingo ás 18h. Ás 20:30h no auditorio municipal terá lugar a entrega de medallas do Corpus Christi seguida de animación de rúa e actuacións musicais e tirada de fogos de lucería ás 23:30h.
O sábado os alfombristas comezarán a encher as rúas de cor e perfume floral, mentres ás 23:30 horas diante do mercado terá lugar o espectáculo das danzas do mundo.
