Jue. Oct 6th, 2022

Rosalía de Castro O Rosal (1) web

Ordenando certos periódicos da prensa rexional para situalos en orde cronolóxica, atopámonos cunha curiosa páxina, que queremos lembrar hoxe para tamén dar a coñecer. Trátase dunha do Faro del Lunes, concretamente a 44 do 15 de xullo de 1985. Nela recóllense dúas interesantes colaboracións.

A primeira, baixo o título “Rosalía de Castro: de 1937 a 1985”. Aparece ilustrada coa imaxe da meritísima poetisa galaica. Asina o artigo o benemérito escritor galego, Xesús Alonso Montero. Literato, que non necesita presentación, basta lembrar que é o presidente da Real Academia Galega.

A segunda colaboración literaria, tamén en galego, enche esta páxina e leva por título: “No centenario da morte da poetisa galega“. Título que se atopa subliñado en azul. Asina este artigo, S. SALGADO DO CANTILLO. Trátase, pois, dun pseudónimo. Este corresponde a unha distinguida e tamén erudita rosaleira, membro dunha coñecida familia da nosa Moi Leal Vila do Rosal.

Estamos a referirnos a Mª Socorro Carrera Portela, nacida en febreiro de 1897 e finada en xaneiro de 1991. Os apelidos que integran o pseudónimo pertencen ao seu antepasado, entroncado coa nobreza galega, D. Ignacio Salgado del Castillo, notable xurista. A “Señorita Socorro“, como se lle coñecía no pobo, recibira unha esmerada formación, tanto cultural, como socio-relixiosa no colexio das monxas Carmelitas da vila da Guarda.

Rosalía de Castro O Rosal (2) web

Pola súa frecuente vivencia en Mondariz-Balneario, tivo unha singular relación social e amistosa con personalidades da aristocracia, tanto galega como hispánica. Aquí, na vila de Mondariz-Balneario, o seu pai, D. Indalecio Carrera Piedra, e notable industrial do Baixo Miño, tiña o “Hotel Carrera”. De aí que a autora do artigo lembra e alude aos “meus bellos recordos lontanos…” en Mondariz. Ela atopábase precisamente alí, cando en 1920 se lle rinde a homenaxe a Rosalía de Castro, “a nosa gran poetisa galega”.

Todo o seu artigo é unha crónica completa e chea tanto de contido artístico-literario, como poético-sentimental. Así mesmo a súa colaboración alcanza valor histórico pola súa gran información daquel emotivo evento. Pero non é esta a única aportación literaria da súa pluma. Tamén é autora de varias publicacións, como por exemplo o conto titulado “O galo cantor” (1980).

María Socorro Carrera foi para nós unha valiosa e amable colaboradora, entre outros temas histórico-biográficos, por exemplo sobre a “Fábrica de peines”, a “Hidroeléctrica do Castelo”, o “Reloxo do campanario”, etc. En canto a biografías, lembramos a de D. Jesús Noya Viqueira, médico e ex-alcalde; ou a de D. Serafín Álvarez Rodríguez, crego.

No traballo sobre as pinturas (frescos) do coro da igrexa de Santa Mariña do Rosal, do pintor guardés, Manuel Ángel, sabemos por información desta tan distinguida como admiradora da cultura rosaleira, que no último cuarto do século XIX, sirviu ao citado artista de modelo das esceas da vida de Santa Mariña, Dª Aurora Álvarez (de Dones). E na súa colaboración nos aportaba tanto información, como fotografías para a súa ilustración.

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies