Regresa o Mercado do Rosal 75 anos despois

O pasado domingo día 3 do mes que corre, a vila do Rosal voltou a celebrar na súa fermosa Praza do Calvario o Mercado dominical. Dicimos voltou, xa que dende “tempo inmemorial” e ata aproximadamente 1940, víñase celebrando.

Claro que naquel entón era todo máis de carácter agrícola e rural, como tamén bastante máis pequeno, en relación ao que se pretende celebrar de aquí en diante.

Isto é, dende a antiga “praza do peixe”, inmediata á praza actual de abastos, por diante da antiga Farmacia de D. Isaac (hoxe, Tenda de Paquín) ata a entrada da Praza do Calvario, onde agora se atopa o monumento ao Cabaqueiro. En fin, aquel entón, eran outros tempos e certamente máis pobres e complicados.

Inicio do Mercado Dominical o 3 de setembro, xunto coa Feira de ACOR.

Canto alí se ofrecía era, maioritariamente, todo o relacionado coa costura, retallos de panos, fíos, botóns… algo de calzado… Era clave todo da horta, prantas de verduras (“coubas”), cebolas, pementos, tomates. Se ofrecía ata mollos de vimbios…

Tamén na nosa Praza do Calvario, naquel entón, e dende hai séculos se celebraba a feira o 18 de cada mes: Feira do Gando (de todo). Ultimamente chegou a celebrarse feira aínda o 2 de cada mes. Segundo vén de comunicar recentemente o Concello, agora en outono o Mercado voltará a ter lugar os sábados. 

Xa que estamos facendo historia, non falamos por falar. A historia esixe probas, información escrita, documental. Aportamos aquí e agora algunha documentación, sen outro comentario.

Na Guía General de la Provincia de Pontevedra, por un curioso. Pontevedra, 1894, páx. 177. aquí referíndose a O Rosal, escribe: “tiene una espaciosa plaza llamada del Calvario… en dicha plaza se celebran mercados los días festivos”. (Por suposto, tamén os domingos, “ferias el 18 de cada mes y una anual de San Gregorio en el barrio de las Pías (sic) el 12 y 13 de marzo”.

A Feira do Rosal en 1917. (Foto: Manuel Español Portela. Arquivo X.M. Tamuxe)

Así mesmo, na Geografía General del Reino de Galicia, dirixida por Francisco Carreras i Candi. Provincia de Pontevedra (1936), por Gerardo Álvarez Limeses (de Tui), na páxina 851, falando do Rosal, en poucas e precisas verbas, escribe: “Hay en Rosal (sic) una feria mensual el día 18 y mercado semanal los domingos”.

E por último, damos a coñecer nesta páxina o que xa fixemos e se recolle no noso traballo, que se publicou no 1996, sobre a Ermita de San Gregorio. Su historia y tradicional feria-romería, páxina 27.

Trátase dun curioso e interesante escrito da alcaldía do Rosal en 1922, solicitando aos catro párrocos do municipio, certa información moi especial, (requerida, sen dúbida xa pola Superioridade, xa por algún escritor-historiador…) Información “respecto a la fecha inmemorial del mercado que durante la mañana de todos los domingos se efectúa en esta capital, durando hasta las trece horas”.

Oficio da Alcaldía aos párrocos do Rosal

Como o lector pode verificar, se pide igualmente información (tamén dende tempo inmemorial) das feiras do Rosal e da anual de Pías.

Bibliografía: Feiras e mercados do Concello do Rosal. X.M.T. (Inédito)

Xoán Martínez Tamuxe

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.