
Tal e como podemos ler na web da Federación Galega de Ciclismo: “A Asociación Deportiva Fornelos de Montes fíxose co triunfo nas dúas carreiras raíñas do XIX Trofeo Comunidade de Montes das Eiras, quinta xornada puntuable da Copa Galicia de Ciclocross 2016 celebrada este sábado no concello pontevedrés do Rosal. O sub-23 Raúl Fernández conseguiu a súa primeira vitoria da temporada na proba absoluta masculina e Desiree Duarte sumou o seu segundo triunfo parcial do curso tras superar ao sprint a Irene Trabazo (Meruelo). Mauro González (Salvaterra) e Isabel Castro (Fornelos) continúan como líderes.
O Club Ciclista O Rosal organizou este evento que reuniu a 244 participantes e no que o vento, a chuvia, e como consecuncia o barro, foron gañando protagonismo. O circuíto da Praia das Eiras non ten segredos para o rosaleiro Raúl Fernández que foi profeta na súa terra. O representante do Fornelos soubo contrarrestar de inicio a aceleración de Mauro González e unha vez controlado ese primeiro ataque probou sorte en solitario.
