Presentouse no Auditorio Municipal o libro “Os muíños do Folón e do Picón na vila do Rosal”

Informa: Luz María Hidalgo

Fotografías: Ruth Martínez
O pasado luns 20 de xullo tivo lugar no Auditorio Municipal a presentación do libro “Os muíños do Folón e do Picón na vila do Rosal. Conxunto histórico-etnográfico de Galicia”. Este acto contou coas intervencións do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán Abal, do alcalde rosaleiro Jesús María Fernández Portela e dos autores da publicación Xoán Martínez Tamuxe e Juan Ramón Martínez Barbosa. En palabras deste último “trátase dun libro de máis de duascentas páxinas con ilustracións a toda cor e en branco e negro, que conta co prólogo de Fernando Javier Costas Gober-
na do Instituto de Estudios Vigueses. É un repaso pola historia, pola evolu-
ción, polo pasado e presente destes enxeños hidráulicos… 67 en concreto, 36 muíños na parte do Folón e 31 na do Picón”. Pola súa banda Tamuxe lembrou que: “Naceu a idea e proxecto da preparación deste libro por suposto non de carácter científico, senón divulgativo, a propósito da oportuna e case providencial iniciativa do Concello, de restaurar aqueles antigos e ultimamente arruinados e xa case lendarios e fantasmagóricos muíños do Folón e do Picón, cuxo deplorable estado clamaba ao ceo. Ante tal sorte e oportunidade de recuperar tan prezado e singular patrimonio, como é este conxunto industrial de carácter rural, sentiuse a conveniencia e necesidade de coñecelo na súa integridade. Pensouse por elo nesta publicación xa que así achegaría aos propios donos, aos rosaleiros e a calquera visitante o seu valor histórico, etnográfico, antropolóxico e socio-cultural, sen esquecer a súa posible repercusión no turismo galego”.

Os autores rosaleiros botan por terra neste libro o tradicional mito de que a envergadura desta obra era unha explotación máis do Mosteiro de Santa María a Real de Oia: “Coidamos que polos documentos aportados e as diversas consideracións ante a total ausencia de mencións a propiedades, foros, ventas, permutas, etc., na bibliografía do Mosteiro de Oia, referente a estes muíños, probamos as nosas teses de que foron realizados polos veciños da xuradía de Fornelos”. Esta publicación, que foi editada pola Deputación levouse a cabo grazas -segundo Juan Ramón- “á recopilación de datos que comezou hai preto de 40 anos no caso de Tamuxe e a máis de 10 no meu: investigación por diferentes arquivos, revisión de multitude de libros, documentos, falar con innumerables veciños do Rosal e arredores, etc”.

Tanto o alcalde do Rosal, Sr. Portela como o presidente da Deputación, Sr. Louzán felicitaron aos autores por esta “árdua tarefa de profundizar e indagar na historia deste complexo etnográfico de Galicia”. Facede click no seguinte enlace para ver a reportaxe desta presentación, que foi acompañada coa proxección nunha pantalla xigante dalgunhas fotografías que aparecen no libro:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies