A ponte e fonte da Soberbia cumpren 120 anos

FACENDO HISTORIALEMBRANDO A DATA DE 1897. A PONTE E A FONTE DA SOBERBIA.

Dende fai bastantes anos, véñome dedicando a recoller sobre o noso pobo, tanto noticias da tradición, de libros, como máxime, procedente de consultas en documentación de diversos arquivos.

E de entre eles, nos das parroquias de O Rosal, do Arquivo Histórico Diocesano de Tui, do propio concello do Rosal, do Histórico Provincial, do Arquivo Histórico Nacional, do Xeral do Reino en Simancas (Valladolid), etc.

O meu propósito, en definitiva, é investigar, coñecer, lembrar para “facer presente o pasado” de capítulos da historia da nosa vila. E, por suposto, dalos a coñecer, moi especialmente aos nosos concidadáns rosaleiros.

Hoxe falaremos dun pequeno documento do Arquivo Histórico do Concello da nosa vila. Trátase dun resumo dunha sesión ordinaria celebrada, concretamente, o 26 de setembro de 1897. Nela se tratou do ensanche e mellora da estrada -unha das arterias principais- como é a do tramo dende o “Cruceiro das Patas” en Salcidos (A Guarda) ata a nosa moi Leal Vila do Rosal.

Neste documento se fala, por exemplo, tanto da demolición da ponte vella da Soberbia, cando menos de época medieval, como da fabricación da nova, que hoxe utilizamos.

Tamén alí se fala da popular e lendaria “Fonte da Soberbia“, onde se ubicaba á dereita da ponte e que se accedía baixando por unha longa escaleira de pedra duns 12 chanzos co seu correspondente pasamáns de ferro.

A propia fonte exhibía (e exhibe, debaixo do lavadoiro na zona) unha cartela coa seguinte inscrición: EL AYUNTAMIENTO 1897. En fin, fai agora 120 anos.

O citado documento reza: “Alcalde, D. Rafael Martínez Rodríguez. La Corporación acuerda, ante el mal estado en que se encuentra la fuente pública denominada de la Soberbia, con motivo de las obras de la nueva carretera de esta referida Villa al “Crucero de las Patas”, especialmente con la construcción del puente que también lleva el nombre de la Soberbia en dicha carretera y destrucción o derribo del antiguo, se proceda efectuar en la referida fuente las obras necesarias para su saneamiento y debida reparación cuyas obras habrán de efectuarse por administración…”

Recordamos que o tramo da Casa de Villa á entrada da Praza do Calvario (Praza da República naquel entón) se coñece co nome de rúa de Ramón Franco, célebre aviador militar. E o nome anterior foi o de Ezequiel Ordóñez, político conservador, tudense.

O tramo paralelo pola estrada vella ata a Praza do Calvario, era coñecido como rúa de Niceto Alcalá Zamora, presidente da República.

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies