Unha posible peza de época medieval en Eiras

Eiras O Rosal (2)
Outro documento epigráfico en Eiras

Na nosa colaboración anterior en Noticias O Rosal, xa lembrábamos que daríamos a coñecer un novo documento. Este atópase igualmente, escrito en latín, aínda que en caracteres diferentes e sen aquela antigüidade.

Coidamos que poida remontarse, cando menos, á epoca medieval, sen atrevernos a ofrecer data algunha aproximada. Esta inscrición está gravada nunha labra de soporte granítico. Trátase dun fragmento coas medidas seguintes: longo (alto), 90 cm; anchura, 55 cm e grosor, 20 cm.

Tampouco podemos precisar si se trata dunha lauda (tapa) sepultural, ou mesmo da cabeceira dunha tumba. Así mesmo, non descartamos poidera formar parte da propia construción da anterior igrexa de Eiras.

Eiras O Rosal (1)
Lugar próximo a Adro Vello onde se atopaba a labra (1999)

Na labra móstrase un texto, que presentamos en caracteres ordinarios latinos, isto é, en maiúsculas. Pois, xa na foto o lector pode observar o tipo orixinal da escritura; nela non falla un estilo de letra un tanto afiligranado, que nos fai lembrar a certos caracteres góticos. Este é o texto epigráfico:

FIDES,
FINI TUO

En tradución libre e para un cristián, pode traducirse: SEGÚN A TÚA FE, SERÁ O TEU FIN (a túa salvación).

Damos a coñecer a presente inscrición, pensando tamén nalgún lector, máis experto que nós en Paleografía epigráfica, para que faga máis correcta a interpretación.

Sen lugar a dúbidas, que se trata dun escrito totalmente relixioso, de fe cristiá. E por suposto, ao tratarse dun texto incompleto (fragmento) faise máis difícil a súa lectura.

Tamén esta labra foi localizada no enigmático, arqueolóxico, interesante e repetido lugar do “Adro Vello” no ano de 1954 (na actualidade en paradeiro descoñecido). 

Na prospección desta zona de Eiras, naquel entón, formaron parte varios estudantes do Seminario de Tui, entre os que lembramos ao caro amigo Gervasio Rodríguez López, singular coñecedor da súa parroquia.

Eiras O Rosal (3)
Vista parcial do Adro Vello na actualidade

Certas circunstancias, unha vez máis, lévanos a supoñer en “Adro Vello” ou proximidades, a existencia dunha posible vila romana e necrópole. Posteriormente, como era de ritual por parte da nacente Igrexa Católica, coa xente baixada do Cresto da Madanela, se cristianiza ese lugar pagán, levantando o novo e primitivo templo de Eiras co seu cemiterio tanto dentro da igrexa, como no propio adro. Reiteramos que a igrexa anterior estivo en “Adro Vello” ata o ano 1786.

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE

BIBLIOGRAFÍA

-“Nuestro Patrimonio Histórico Artístico y Monumental”. Antigua labra con inscripción (en Eiras) no Boletín Informativo Municipal (BIM), nº 2, abril-xuño, 1988.

-MARTÍNEZ TAMUXE, Xoán. “Construcción de la iglesia de Eiras en el siglo XVIII”, en GALLAECIA-Actas do 1º Congreso. A Guarda, novembro de 1988.

   

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies