Informa: Concello do Rosal
O Ecoparque Campo Novo, en Viso dos Eidos, está a piques de abrir as súas portas á veciñanza. O vindeiro 19 de setembro celebrarase o acto inaugural dun espazo que busca converterse en núcleo de convivencia para os rosaleiros e rosaleiras, pero que tamén serve para achegar aos veciños e veciñas ao patrimonio etnográfico da zona. “Xa podemos desfrutar dun espazo creado pensando na súa contorna e buscando unha integración total, un exemplo máis da aposta decidida do Concello por dar prioridade á veciñanza e por impulsar proxectos de proximidade”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A inauguración será a partir das 12.00 horas e contará coa actuación da canteira da Banda da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal. A rexedora agradece de forma especial a implicación da Agrupación Musical, que “unha vez máis colabora co Concello neste acto e en todo o devir do municipio. Este domingo poderemos escoitar aos nenos e nenas da Escola de Música, os que sen dúbida máis desfrutarán deste novo ecoparque”.
O ecoparque conseguiu transformar o espazo existente nun lugar creado pensado na contorna grazas a un proxecto da arquitecta e paisaxista María Fandiño para unha remodelación integral empregando técnicas naturais e tradicionais e incorporando especies autóctonas relacionadas coa auga, un elemento de grande importancia nesta zona do Rosal. De feito, durante os traballos de escavación atopouse unha antiga mina de auga que se canalizou e integrou no espazo. O proxecto contou cun investimento de 93.000 euros cofinanciados con fondos propios municipais e con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.