“O Correo en O Rosal”. Aproximación histórica

O CORREO NA NOSA VILA DE O ROSAL. APROXIMACIÓN HISTÓRICA (I)

Antes de entrar en materia e abordar a Historia do Correo, oficina e carteiros, en todo o noso concello e vila, facemos estas anotacións. E isto para unha maior comprensión.

A verba “correo” ten a súa orixe no latín. Procede, pois, do verbo: curro,is, cúrrere…, co significado de “correr”, “recorrer” e ata “voar”. Trátase dun antiquísimo servizo na sociedade que o atopamos xa en Exipto, Grecia ou RomaAportamos algunhas definicións, tan só para refrescar a memoria.

CORREO (Correos): edificio (con oficina), sitio ou lugar onde se recibe e se dá a correspondencia; así mesmo con buzón, onde se deposita a correspondencia.

CORREO tamén indica: “persoa que ten por oficio levar avisos, cartas, etc, dun lugar a outro” (Dicionario Xerais de Galicia).

CARTEIRO: “funcionario do servizo de correos que reparte as cartas a domicilio”. (Dic.X.G.)

PEATÓN (Peón). Sen dúbida que a primeira acepción (do latín pedes, itis) é significando: “quen vai a pé”. Pero no noso caso, refírese a: “quen ten o oficio de repartir (ou do reparto) da correspondencia a pé”.

Pois, así foi como naceu o “correo” na antigüidade, con esa misión exercida primeiramente a pé, a cabalo, en carros… o exército, barqueiros, traficantes, monxes, peregrinos, etc. Todos levando diferentes mensaxes e sempre coa intención de que fora “comunicación o máis rápida posible”. Non esquezamos que “correo” vén, como se dixo, de “cúrrere”: correr.

Na nosa vila e en todo o territorio rosaleiro ata 1846 formaba parte como parroquias (Santa Mariña, Eiras, Tabagón, San Miguel e San Xoán) do concello da vila da Guarda. O servizo de correo dependía da oficina daquela vila. Só despois do 21 de outubro de 1847 e coa emancipación de O Rosal, esta comeza a ter, a facer Historia.

E, polo tanto, a contar con ese importantísimo servizo de CORREO, así como os modernos telégrafo e teléfono, que tamén iremos estudando noutras colaboracións en Noticias O Rosal.

Só nestes comentarios, bastantes e moi probables, a falta doutra documentación, podemos afirmar que coñecemos importantes “referencias” de contar con algún tipo de CORREO na nosa vila e aínda en todo o territorio municipal.

O noso concello de O Rosal emite e recibe correspondencia, cando menos, xa en 1849. Como vemos, dous anos despois da desmembración do concello da Guarda. Así se demostra nas ilustracións que aportamos.

Como podemos observar, unha carta que por Tui chegaría á cartería do Rosal, para entregarse ao señor cura da parroquia de San Xoán de Tabagón.

Tamén nos consta que nun principio a correspondencia para o noso concello chegaba á Guarda e había que ir a recollela. Pois, cóntase que, tempo atrás, un peón-carteiro ía cada equis días á Vila a recoller dito correo para traelo a O Rosal. Outros chegaron a recollelo en cabalo, e algún chegou a facelo en bicicleta.

Ata casi finais do século XIX o fardelo da prensa, sí como as cartas ou outros encargos e entregas, viñan dirixidas ás poboacións máis importantes, máis coñecidas. Isto, como se a nosa vila non tivese entidade ou como descoñecida. Por tal razón, así figuraban Tui ou A Guarda; todo antes de que se nomease O Rosal (non se citaba). E si, por exemplo, nas direccións de calquera envío, aparecía o correspondente nome para quen ía o paquete ou a carta, en canto ao lugar do seu destino só aparecía San Miguel, xa Tabagón, xa Pías, para O Rosal, non.

Tal é o exemplo que presentamos, como documento ilustrativo: “La Guardia. San Miguel de Tabagón en Pías”. Acontecía isto no ano 1854 e aínda despois. Documento este, unha carta, que figurou na Exposición Filatélica en O Rosal de 1994, do participante nela, Francisco Martínez Arzúa, mestre, natural da nosa vila.

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies