O noso conxunto histórico-etnográfico dos Muíños do Folón e do Picón (O Rosal-Pontevedra), que é visitado anualmente por miles de persoas, volveu ser protagonista o pasado venres 17 de novembro na Escola Superior Gallaecia de Vila Nova de Cerveira (Portugal).

Os autores do libro Os muíños do Folón e do Picón na vila do Rosal (Ed. Deputación de Pontevedra, 2009), Xoán Martínez Tamuxe e Juan Ramón Martínez Barbosa, foron convidados -por segundo ano  consecutivo- pola institución lusa para impartir unha charla sobre o tema e ser entrevistados polos alumnos/as de Arquitectura, xa que segundo a ESG “se adentran ahora en la fase de análisis del lugar y desarrollo del proyecto. Este consiste en crear un Espacio Arquitectónico delimitado que tenga que articularse con el contexto existente de forma a potenciar el potencial del lugar y minimizar las fragilidades del mismo”.

Nesta ponencia, que estivo moderada polo mestre Dr. Gilberto Carlos, os investigadores rosaleiros lembraron que o Folón-Picón o forman 67 enxeños hidráulicos dos séculos XVII-XVIII, que están considerados Ben de Interese Cultural dende 1998 e que, tras o “VIII Congreso Internacional de Molinología. Innovación y Ciencia en el Patrimonio Etnográfico” de 2012, os expertos mundiais califican o noso conxunto de “único” no planeta.

Pero iso si, como novidade, Tamuxe e Juan Ramón veñen de ofrecer nesta charla-conferencia de Portugal unha noticia “exclusiva”. Esta non é outra que a do descubrimento, tras unha longa investigación, dun singular e antigo documento onde se di que xa no río Folón, no século XVI -en concreto en 1571- existiron (na ubicación de hoxe en día) cando menos 2 muíños de particulares, pertencentes á nobreza e que eran veciños da Guarda.

Cónstanos dende Noticias O Rosal que se está preparando a 2ª edición do libro dos Muíños do Folón, onde se incorporarán esta e outras curiosas novas sobre o noso gran reclamo cultural e turístico (entre elas, a ampliación da delimitación dos Muíños como lugar de valor etnolóxico, como se pode ler no Boletín Oficial do Estado).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.