Onte, mércores 8 de xuño, tivemos o pracer de entrevistar na nosa sede de Librería & Editorial Tamuxe a Marcos Pequeño Fernández, máis coñecido deportivamente por ‘Peque‘, xogador rosaleiro que vén de renovar o seu compromiso co Balonmán Cañiza da 1ª Nacional para a vindeira tempada 2022/23.
A vila da comarca da Paradanta e o pavillón do “Polvorín” volverán, pois, a disfrutar un ano máis de Peque, xa que segundo se afirma dende o club da Cañiza, o extremo dereito do Rosal “convertiuse nunha peza fundamental dentro do vestiario, gañándose o cariño dos seus compañeiros e da grada coa garra que mostra no seu xogo“.
Marcos Pequeño, que naceu en Novás un 9 de xuño de 1993, xa nos adiantaba que hoxe estaría de aniversario, así que, de primeiras, parabéns ‘Peque’!
Aos 4 ou 5 anos, lembra o noso entrevistado, comezou a xogar ao balonmán en O Rosal “instigado” pola súa familia… non en van os seus pais e os seus tíos (Óscar, José ou Juan Andrés) practicaron o handball e aínda o seu avó, José Carlos Fernández Martínez (Carlos de ‘San José’) foi presidente do Atlético Novás.
O Guardés, o Balonmán Tui, o Atlético Novás e agora o Balonmán Cañiza teñen disfrutado do seu espectacular xogo e das “roscas imposibles”, as “pequeroscas” como algúns as denominan.
Aínda que comezou no seu extremo natural (o esquerdo, xa que é diestro) logo de cadetes no Novás e ante a falta de xogadores zurdos, confésanos entre risas que se pasou ao dereito pois dábaselle ben “son ao revés de todo o mundo, o meu é o mesmo caso no que estiveron no seu momento Manolo Armán “Gorras” ou Germán Fernández “Jimy”, estamos no lado dos zurdos”.
Agora, na súa segunda tempada no Balonmán Cañiza e despois de compartir vestiario cos tamén rosaleiros Jorge Martínez, Charly Rodríguez ou Dani “Pintus”, aspira a realizar unha boa campaña “e a competir de tú a tú con todos os equipos e quedar, por suposto, o máis arriba posible na clasificación final“.
Preguntándolle sobre o seu dorsal preferido -pois Peque ao longo da súa carreira deportiva xogou cos números 19, 24 ou 41, entre outros- o extremo do Rosal admite que é o nº 19, pois colleulle cariño da súa fantástica etapa no Balonmán Tui, que é onde explotou como xogador, sendo durante eses anos un auténtico referente na 1ª Autonómica.
Iso si, como veremos dentro dun chisco, aquí… hai un pouquiño de “trampa”. E dicimos isto porque Marcos Pequeño revélanos, ante a pregunta de quen é o seu ídolo, unha anécdota co dorsal e o número. Se ben cóntanos que un dos seus xogadores preferidos é o ex-internacional Juanín García, “que sempre foi de roscas e a min iso sabedes que me gusta“, tamén nos expresa a súa admiración por un ex-xogador do propio Novás, o rosaleiro Ramón Martínez: “cando xogaba na base sempre quería o dorsal 17 por Ramón. Era o meu ídolo de pequeno. Poucas veces me cadrou xogar co 17 pero cando o tiven vaia se o disfrutei“.
Peque, de carácter afable e alegre, recoñece nesta entrevista que “o balonmán é o meu día a día, a miña vida, a miña felicidade“. E para rematala, como sempre facemos, aí van unhas preguntiñas máis distendidas e persoais:
Unha comida: a pizza… e o churrasco.
Unha bebida: de festa ron (risas) e se non, coca-cola.
Unha canción: calquera actual de motivación.
Un grupo de música: La Fuga.
Unha cor: o vermello.
A túa paraxe preferida de O Rosal: Os muños do Folón e Picón.
Un soño deportivo por cumprir: formar parte do primeiro equipo do Novás.
Un soño cumprido: xogar varios partidos co primeiro equipo do Novás e ser co filial campións e MVP da Copa Galicia.
Dende Librería & Editorial Tamuxe e Noticias O Rosal, graciñas ‘Gran Peque’ por achegarte á nosa sede e concedernos esta entrevista.
Moita sorte nesta tempada co Balonmán Cañiza! Unha aperta!