Mar. Nov 29th, 2022
Noé Cortiñas (📸 AGFG FG Galicia)
Esta semana tivemos o pracer de entrevistar ao deportista Noé Cortiñas Brey (O Rosal, 15/10/1982), que vén de finalizar o Campionato de España Individual e por Equipos de Footgolf.
Lembramos que o footgolf “é un deporte que consiste na fusión do fútbol e do golf onde os xogadores golpean un balón de fútbol para introducilo nos buratos no menor número de golpes posible. Foi creado en Holanda no 2009. Xogáronse tres Mundiais, en Hungría 2012, Arxentina 2016 e Marruecos 2018. Tamén se xogaron as seguintes edicións da Euro Footgolf: 2017 en París, 2019 en Reino Unido e no 2021 en Hungría”.
Noé, tras a etapa 12 disputada o pasado fin de semana na Illa de Valdecañas (Extremadura) consegue situarse no TOP 5 Nacional (4° puesto en categoría masculina e clasificación xeral) e desta forma clasificarse directamente para a próxima Copa do Mundo (FIFG FOOTGOLF WORLD CUP de Orlando, EEUU, en 2023).
Ademais, no Campionato de España por Equipos, ao igual que os seus compañeiros de AGFG (Footgolf Galicia), logran chegar á final contra Tenerife e desta maneira lograr un meritorio 2° posto.
O noso crak, á súa vez, e paralelamente competindo no Campionato de Portugal 2022, tamén entra no TOP 5 (un 3° posto en categoría masculina e 4° na clasificación xeral).

-Noraboa e graciñas Noé por conceder esta pequena entrevista a NOTICIAS O ROSAL. ¿Que significa para ti –persoal e deportivamente falando- clasificarte directamente para a Copa do Mundo de 2023 en Orlando (EEUU)?

Son momentos de moita satisfacción por volver a representar a España, neste caso nun Mundial, onde competiremos a nivel individual e por seleccións. Podo dicir que foi un ano moi esixente de competicións e adestramentos, onde se conseguiu o obxectivo do Mundial.

-¿Cal é a saúde do footgolf galego e aínda do español? ¿Como ves o futuro deste deporte?

O Footgolf é un deporte en pleno crecemento, tanto a nivel autonómico como nacional e internacional. A nivel Galicia cada vez hai máis xogadores que se animan a participar en probas do Campionato de España ou aínda internacionais. Todo isto apunta a que o Footgolf engancha!! A nivel nacional somos un dos países con maior número de licenzas e onde os últimos anos se viu unha gran evolución do Footgolf grazas á FEFG… e os xogadores cada vez son máis competitivos.

A nivel autonómico, nacional e internacional hai moitos xogadores importantes. Cada vez compiten máis e proba disto é que se fan máis fortes física, técnica, táctica e psicoloxicamente (quizais a parte máis importante). Todos os xogadores clasificados con España para o próximo Mundial están a un nivel incrible. Creo que daremos moito que falar en Orlando.

O futuro do Footgolf vai por bo cauce. Sempre hai cousas a correxir e mellorar onde os grupos de traballo dedican horas para que así sexa. Crucemos os dedos para ver o Footgolf como Deporte Olímpico en futuras xeracións.

-Dende que comezaches no footgolf, cales consideras que teñen sido os teus maiores logros?

Dende o punto de vista competitivo, todos os campionatos que logrei teñen algo de especial. A nivel autonómico quédome co primeiro Campionato Galego da historia do Footgolf, onde salín vencedor.

A nivel nacional os tres momentos máis importantes:

1. A clasificación coa Selección Española para la Eurofootgolf 2021 en Hungría.

2. A etapa 2 do Campionato de España en Golf Ría de Vigo onde acabei con Hole in One no último hoyo para levarme a vitoria (pechando os ollos todavía vexo o balón entrar). (Risas)

3. Esta clasificación para a ansiada Copa do Mundo 2023 en Orlando, quedando como sabedes 4° clasificado no Campionato de España.

A nivel internacional:

O 3° posto en categoría masculina e o 4° posto en clasificación absoluta que conseguín no Campionato de Portugal 2022.

-O Rosal conta co Campo de As Faias na parroquia de San Xoán de Tabagón. Como veciño e impulsor do footgolf en Galicia, cales son Noé as túas sensacións cando xogas “en casa” ou ves que este deporte, en verdade, vai crecendo a nivel rexional, nacional e aínda internacional? 

As Faias foi o primeiro campo de Footgolf en Galicia de forma reglada para unha competición. Celebrar etapas do Campionato Galego e outras competicións aquí é importante para o Baixo Miño e alrededores. O dato máis importante para As Faias é que neste 2022, deste viveiro de Footgolfistas, teñen saído tres campións en diferentes etapas do Campionato de España (Fabio Pereira, Sito Campo e Noé Cortiñas) e tres xogadores con praza de Mundial (Sito Campo, Marco Bartomeu e Noé Cortiñas). A falta de varias probas nacionais que outorgan as últimas prazas do Mundial aínda podemos dar máis sorpresas.

-Xa para rematar, se queres mostrar o teu agradecemento ou enviar algunha mensaxe, este espazo é teu. 

Loxicamente, gustaríame nomear á miña familia, que é o pilar máis importante para poder dar estes pasos no Footgolf. Tamén agradecer a todas esas persoas, empresas e patrocinadores que cren e apoian un deporte en pleno crecemento como é o Footgolf. Aproveito para animar a probar o Footgolf a novos xogador@s. Para isto poden pedir información no teléfono 669888597, no correo electrónico footgolfgalicia@gmail.com ou ben nas redes sociais (Facebook: AGFG FG GALICIA / Instagram: footgolf_galicia). Graciñas!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies