D. José María Pérez, medalla de ouro do Rosal

Co propósito de actualizar algunhas biografías de personaxes rosaleiras, imos a facelo hoxe coa do Rvdo. D. José María Pérez Alonso, mestre, corresponsal e colaborador de prensa de xornais como Faro de Vigo, Pueblo Gallego, Hoja de los Lunes, La Voz de Galicia, etc.

Entre múltiples recoñecementos, a Asociación de la Prensa de Vigo nomeouno “Capellán de Honor de la Prensa” en 1961. Xa en 1992, D. José María foi distinguido en O Rosal coa primeira Medalla de Ouro da vila.

Nós, propomos, pois, dar a coñecer algúns datos inéditos para moitos rosaleiros/as. Datos que non se recollen na súa correspondente biografía, da sección de “Biografías. Rosaleiros de onte e de hoxe”, no Boletín Informativo e Cultural do Concello do Rosal (B.I.M.) En concreto, a de D. José María atópase no BIM, nº 2, ano 1988.

Aproveitamos tamén esta ocasión para lembrar que hai pouco, concretamente, no pasado mes de marzo do 2016, cumpríronse 100 anos do seu nacemento, en San Xoán de Tabagón, parroquia da que tanto el falaba, escribía e quería.

Aínda que sexa brevemente faremos referencia a tres obras, a tres accións que tanto honran ao noso biografíado.

EDITOR-PROMOTOR DUN LIBRO (2ª EDICIÓN)

Así, D. José María, consciente de que o libro do seu tío, sacerdote, D. Manuel Pérez Martínez, abade de Leirado e autor de Margaritas Silvestres, era edición esgotada, determinou facer e costear a 2ª edición.

Esta nova publicación foi editada na Imprenta Guardesa en 1981 e consta de 1000 exemplares. O libro ábrese cunha introdución do propio D. José María, lembrando ao seu tío, escritor e poeta, así como a outros familiares.

Séguelle unha semblanza biográfica do autor de Margaritas Silvestres deste que escribe. A biografía do Rvdo. D. Manuel Pérez Martínez atópase publicada no referido BIM, nº 9, ano 1990.

Remata a presentación desta 2ª edición cun amplo relato laudatorio baixo o título: “A Manuel Pérez Martínez, Cura de Leirado”, do escritor e historiador monacal, D. Hipólito de Sá Bravo (Vigo, outubro de 1908).

D. JOSÉ MARÍA DONA A SÚA BIBLIOTECA

A intención deste benemérito rosaleiro, vén xa dun pouco antes da súa xubilación. Pero o primeiro contacto que el tivo co alcalde D. José Luis Rodríguez Martínez, foi no ano 1988. Realizouse mediante unha invitación á súa casa reitoral de Nigrán, onde o visitamos en diferentes ocasións.

 

Por último e despois dalgún tempo, D. José María deu o visto bo. Logo recibiría por escrito de parte do Concello as condicións en que se recibía dita doazón da Biblioteca, así como pinturas, diplomas, fotos e mobles do seu despacho-estudo, etc. Restaba agora que o Concello fixase o día para renderlle unha xusta homenaxe.

UNHA RÚA DE NIGRÁN LEVA O SEU NOME

 

Este concello do Miñor, tendo en conta a súa loada traxectoria na freguesía de San Félix de Nigrán, máxime, observando o seu positivo labor publicista como corresponsal e colaborador de prensa rexional, acordou dedicarlle ao seu párroco, unha rúa.

E así foi. O 28 de abril de 1991, na zona de Ceán (da casa do concello á reitoral) ese tramo levaría o seu nome: Rúa Reverendo J.Mª Pérez Alonso. Inaugurada a nova rúa completouse con outros actos coa presenza de diversas personalidades, aínda coa asistencia do bispo de Tui, monseñor D. José Cerviño.

EMOTIVO RECOÑECEMENTO EN O ROSAL

Ao ano seguinte da súa xubilación en 1991, o Concello do Rosal, o 30 de agosto, levou a cabo esa cordial e merecida homenaxe de gratitude a este emérito abade de San Félix de Nigrán, Rvdo. D. José María Pérez Alonso.

Homenaxe que consistiu, especialmente, na imposición da MEDALLA DE OURO DA VILA (a primeira), así como entrega do correspondente diploma de parte do Ilmo. Concello da Moi Leal Vila do Rosal. Por suposto, que este solemne acto, como outros levados a cabo na vila, víronse moi concorridos.

Con tal motivo, o Concello publicou tamén unha monografía biográfica do seu apreciado paisano.

PASAMENTO DE D. JOSÉ MARÍA

Despois de xubilado, este crego rosaleiro, nado en Tabagón, pasou a vivir con familiares na parroquia rosaleira de San Miguel. Aquí finou o 6 de abril de 2004.

Foi sepultado no panteón familiar do cemiterio parroquial de San Xoán de Tabagón.

 

 

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE

 

 

    

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies