Historia da Praza de Abastos de O Rosal

Diante da praza vella, Faustino Rotea Reguenga, funcionario do Concello do Rosal.

📸 Arquivo Deputación de Pontevedra / X.M. Tamuxe

Calquera poboación, por pequena que fóra, máxime naquel entón, ao contar con este servizo, como era unha “Praza de Abastos” no Concello, xa se lle supuña certa categoría.

Pois, antes de disfrutar de tal servizo, isto é, do matadoiro e carnicería, foi ata moi tarde desenvolto por un veciño do pobo e cuxa familia aínda hoxe é coñecida polos “Da Cortadora”. Desta popular ocupación, xa falamos non hai moito a propósito da creación do “Matadoiro do Urgal”.

Outro especial servizo de mercancía, clave nas prazas de abastos, era e segue sendo o peixe. Naquel entón era levado a cabo por cantidade de peixeiras ou pescantinas. Estas, ordinariamente mulleres, que como escravas, descalzas e de pobre indumentaria, chegaban a pé á nosa vila cun cesto especial na cabeza, coñecido por patela.

A Praza do Calvario en 1917. (Foto: Español. Arquivo X.M. Tamuxe / Noticias O Rosal)

Así, aquelas pescantinas do Rosal, e a maioría, da vila da Guarda, percorrían o noso pobo e os seus barrios. Tamén é verdade, que aínda contando coa Praza de Abastos, este duro servizo ambulante seguiu… ata que foi desaparecendo.

Tan prezado servizo, a Praza de Abastos do Rosal, supuxo maior hixiene e variedade, tanto en carne como no peixe e outros víveres de primeira necesidade.

Esta notable mellora, a creación da Praza de Abastos, foi acordada na nosa vila en 1907, pola corporación municipal que presidía como alcalde D. Indalecio Carrera Piedra, perito agrónomo e activo industrial, quen sempre velou polo progreso, tanto económico como sociocultural da nosa vila.

Coñecimos a noticia da creación da mencionada “Praza de Abastos” pola prensa da zona, concretamente polo semanario Heraldo Guardés, n.º 150, do 24 de agosto de 1907.

Aquela primeira noticia, literalmente di:
“BUENA OBRA. Por esta Alcaldía se trata de construir una plaza de abastos para lo cual ya se arrancaron los alcornoques que de tiempo inmemorial existían en uno de los extremos de la plaza del Calvario. Es una mejora digna de elogios si como es de suponer se hace en condiciones para albergar los diferentes artículos que concurren al mercado durante todo el año. Ya que se proyecta una mejora tan importante hágase una cosa que reúna condiciones”.

A praza vella, como é doado observar, constaba dunha simple cuberta (tellado) sobre columnas e pechada (con chave) só polo Norte, onde se atopaba a carnicería.

O COMEZO DAS OBRAS DA PRAZA. O citado semanario leva o n.º 152, do 5 de setembro de 1907, que ao pé da letra di: “Ya dieron principio las obras de la nueva plaza de abastos, en estos días ya llevan amontonado gran cantidad de piedra. De desear es que estas obras se lleven a feliz término con la mayor brevedad que sea posible”.

A PRAZA VELLA, SUBSTITUÍDA POLA NOVA. A notable mellora da nova “Praza de Abastos” case monumental e máis de 60 anos despois, débese á corporación municipal que neses intres, 1955-1956, presidía D. Manuel Suárez Marquier, rosaleiro de adopción, ilustrado alcalde e competente industrial. El foi clave na modernización e consecuentemente, do patrimonio monumental do noso concello. Aí están pois, pola nosa xeografía, os grupos escolares (Couso, Fornelos, Novás, Tabagón, San Miguel, Eiras…), cruceiros, fontes e lavadoiros, novas rúas, etc. 

Con toda razón, xustiza e recoñecemento, Suárez se mereceu, entre outros títulos, o de Alcalde Honorario da nosa Moi Leal Vila do Rosal. Del volveremos a falar máis extensamente en vindeira ocasión.

BIBLIOGRAFÍA:

Boletín Informativo Municipal de O Rosal, ano I, nº 2, abril-xuño de 1988.

-Semanario Heraldo Guardés, números 150 e 152, ano 1907.

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies