Os “Estopa” actuarán no SonRías Baixas 2017

Fotos: River Sound Festival / Gtres

Informa: Sonia Díaz / SonRías Baixas

 O Festival, que se celebrará a primeira fin de semana de agosto en Bueu, suma os irmáns Muñoz ao seu cartaz, xunto con Todos tus Muertos, Amparanoia, SES, Narco e ARCO
 As entradas están á venda na web sonriasbaixas.info, cun prezo especial de 32 € máis gastos os tres días de concertos, coa acampada incluída, para as 500 persoas máis rápidas
 A última edición do Festival conquistou o pasado verán a 16.500 persoas, que supuxeron para Bueu unha inxección económica de 1.200.000 euros.

En 2016 Noticias O Rosal estivo cubrindo o SonRías Baixas da man do fotógrafo Óscar Rodríguez, nun cartel no que estaban grupos como La Pegatina, Lendakaris Muertos, Heredeiros da Crus (na imaxe debaixo destas liñas), Poetarras, La Vela Puerca…

Pois ben, a Organización supérase edición tras edición e os “Estopa” estarán no SonRías Baixas 2017. Os irmáns Muñoz son os creadores dun estilo musical propio, o Rumba Rock, que leva 17 anos conquistando a millóns de fans, dentro e fóra de España, e ao que pertencen algunhas das bandas máis queridas polo público do Festival de Bueu. Os Estopa suman a súa particular mistura de rumba, rap, reggae, rock, bolero e salsa a un cartaz no que xa estaban confirmados os arxentinos Todos Tus Muertos, Amparanoia, SES, Narco e o proxecto persoal do cantante de El Puchero del Hortelano, ARCO. A organización pon á venda 500 entradas a un prezo especial 32 € máis gastos e advirte que aínda faltan nomes por desvelar.

La raja de tu falda, Poquito a poco, El del medio de Los Chichos, Como Camarón, Partiendo la pana, Vino tinto, El Run Run… os irmáns David e Jose Muñoz, Estopa , son autores de moitos dos grandes hits dos últimas décadas no Estado español. O seu último disco, Rumba a lo desconocido, producido co gañador de 12 Grammy Rafa Sardina, subiu tamén axiña ao Nº1 en vendas, conseguindo o dobre disco de Platino e colgando o cartel de “Todo vendido” nos seus concertos de España e América. O vindeiro mes de agosto porán a cantar e bailar ao público do SonRías Baixas coa súa música alegre e festiva, capaz de unir a persoas de todas as idades e condicións.

O que naceu como unha banda mestiza que conxugaba os gustos musicais dos seus integrantes acabou marcando unha época no rock Latinoamericano. Todos tus muertos distanciáronse no 2000, na cúspide do seu éxito, porque cada un dos seus membros quería explorar o seu propio camiño. Volven agora, cun directo que non escatima ningún dos seus temas clásicos. No SonRías Baixas ofrecerán un concerto absolutamente inclemente, marcado por unha audaz mestura na que teñen cabida o punk, o rap, o metal e ata o hardcore, pero tamén melodiosos fragmentos de rancheiras populares e un particularísimo rock rebelde, preñado de letras insurrectas, no que resoan os ecos de amigos da banda como Manu Chao ou Fermín Muguruza.

Narco forxa un estilo inconfundible no que conviven o metal, o rock e o rap. Os sons duros, combativos e agresivos da banda únense aos violentos cambios vocais de Distorsión Morais e Viquingo M.D. nun enerxético directo repleto de temas rotundos, envelenados de ironía e crueza. A banda naceu en Sevilla en 1997 e a comezos do milenio foi considerada “o grupo español máis orixinal dos últimos tempos” pola revista Rocksound. Despois de alcanzar un éxito rotundo nos seus primeiros anos de vida, en 2003 decidiron tomarse un descanso, pero non tardaron en sentir a chamada dos escenarios, que xa non volveron a abandonar. Desde 2008 énchenos cos seus elaborados riffs, o seu impactante estética e cunha gran variedade de influencias musicais.​

O carismático cantante, guitarrista e compositor de El Puchero del Hortelano, Antonio Arco, conquistará o escenario do SonRías Baixas co seu proxecto persoal, ARCO , no que os fans da mítica banda recoñecerán a súa característica voz rota e a instrumentación clásica de banda de rock, matizada por unhas coidadas letras que destacan pola súa emotividade e intensidade. Unha proposta persoal, a medio camiño entre a tradición de Sabina e os Extremoduro máis pausados, que entronca con esa xeración de músicos urbanos que percorren con soltura os camiños que unen o rock de acento flamenco e o pop de aspiración masiva.

Amparo Sánchez retoma o proxecto musical que a lanzou á fama, Amparanoia, no 20 aniversario do seu primeiro álbum: El poder de Machín. E faino cunha xira que porá a cantar e a bailar ao público con temas que forman parte da banda sonora vital de toda unha xeración. Cancións fronteirizas e coloridas, como “Que te den” ou “La fiesta”, cheas de ritmos latinos, mexicanos, árabes, flamencos ou rumberos. Revolucionaria musical, estandarte internacional da fusión, premiada pola BBC, Amparo Sánchez é unha artista sempre comprometida que se caracterizou pola enerxía do seu directo, pola alegría que transmiten as súas letras e pola súa valentía á hora de mesturar diferentes tipos de sons: blues, soul, boleros, rancheiras, rumbas, música popular suramericana…

En El poder de Machín, que cumpre agora 20 anos, mostra o seu lado máis latino e bohemio acompañada por artistas como Manu Chao ou Víctor Coyote. E, aínda que 20 anos non son nada, si son o mellor motivo para mirar o pasado sen nostalxia… Con alegría! Unha onda ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana. Esa é a marca da casa de María Xosé Silvar, SES, un auténtico fenómeno social que chega ao SonRías Baixas 2017 cun novo disco debaixo do brazo.

Opoñerse á extinción é o cuarto álbum desta cantora bergantiñana, unha forza da natureza que conta cunha potente voz e cun estilo inconfundible cos que conquista a unha tropa de seguedoras e seguedores que converten en himnos as súas cancións, sempre enerxéticas e combativas. SES é puro xenio, inconformismo e paixón. E agora atrévese, ademais, a deixarlle máis espazo á cantareira que hai no seu interior e a introducir novas sonoridades. Este verán encherá o escenario do SonRías Baixas coas súas cancións de amor e de denuncia e coa súa honestidade, lucidez e rabia. A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado.

Co slogan “de Festivaleiros para Festivaleiros” por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles. O pasado verán, 16.500 persoas achegáronse ata a localidade do Morrazo para gozar coa música, a gastronomía e o audiovisual programados polo Festival, na que foi a edición máis exitosa e multitudinaria da súa historia e supuxo para Bueu unha inxección económica de 1.200.000 euros, chegándose ao pleno de ocupación hoteleira en toda a comarca e a bares e restaurantes da zona sen existencias. A maioría dos proveedores do Festival son da comarca e máis de 300 persoas traballan no evento, a maior parte, xente da vila.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies