
NOTICIAS O ROSAL entrevista ao ciclista da vila, Raúl Fernández Lorenzo, campión de Galicia e de España de Ciclocross “junior “no ano 2014 -entre outros títulos- e que daquela disputou o Mundial da modalidade en Hoogerheide (Países Baixos).
Raúl Fernández naceu en Novás o 24 de xuño de 1996. Comezou a súa carreira deportiva no Club Ciclista O Rosal (ao igual que o seu irmán pequeno, Mario) e leva dous anos como integrante do Grupo Deportivo Supermercados Froiz.
Recentemente, para esta nova tempada de ciclocross, que acaba de comezar coa Copa Galicia de Ciclocross 2016, o rosaleiro cóntanos que cambiou de cores, sendo o A.D. Fornelos o seu conxunto actual, xa que “é un equipo que se dedica mais ó ciclocross e con eles vou a afrontar unha nova campaña á que lle teño moitas ganas, despois dun ano difícil na ruta, onde non saíron as cousas todo o ben que desexaba”.
-Raúl ¿cales foron as sensacións? De momento, líder da categoría sub-23 na Copa Galicia, ¿verdade?
As primeiras carreiras de cada tempada sempre son un pouco unha incerteza, porque tes esas dúbidas de cal é realmente o teu nivel. Traballei duro para comezar con bo pé e cheguei ó inicio da Copa cuns pequenos problemas físicos que me lastraron un pouco e non me permitiron disputar a clasificación xeral, aínda así estou contento. As sensacións son boas e os obxectivos importantes son máis a longo prazo e creo que vou polo bo camino para conseguilos.
