
Como é coñecido por moitos dos nosos lectores e lectoras, o “handball” é o deporte “rei” a nivel equipo no noso municipio. É por iso que dende Noticias O Rosal tiñamos máis que pendente e atopábamonos case na “obriga” de entrevistar por fin a Andrés Senra Pregal, activo presidente do club de balonmán da vila, o Acanor Atlético Novás, que milita na Primeira Nacional.
-Andrés, graciñas por concedernos esta entrevista. Comecemos: terceiro posto dos “maiores” na tempada 2015-16 que acaba de rematar. ¿Cal é o balance da actuación do primeiro equipo?
O equipo foi de menos a máis. Nos faltou nalgúns partidos importantes competir en igualdade de condicións (Xiria e Chapela). A pesar diso, o equipo madurou e nos quedamos a tan só dous puntos da Fase de Ascenso a División de Honor Prata. A tempada non se pode considerar como mala. Un grupo novo que evolucionou e ese traballo e madurez adquirida dará os seus froitos nun futuro próximo.
-O traballo coa base, e os xogadores “da casa”, fundamentais para este proxecto deportivo e para esta directiva, ¿non si?
Económica e socialmente este foi un bo ano, cumprimos con creces os obxectivos marcados. Estou moi orgulloso do traballo desta directiva. Traballar así é un gustazo. E si, a filosofía é seguir apostando pola base. Está previsto un plan de escolas que nos permita seguir atraendo nenos ao balonmán. A idea é que o primeiro equipo estea composto por un alto porcentaxes de xogadores “da casa”. Neste momento dispoñemos do maior número de nenos na historia da base do club. Me gustaría dende aquí agradecer o gran traballo de Aurora, Chari, Vicente e Eloy, que levan varios anos traballando sen cesar e aos que lles debemos grande parte deste éxito.
-Acanor segue apostando polo club para a tempada 2016-17. ¿Ata cando hai “contrato” de patrocinio?
Non temos un final marcado, pero oxalá sexa por moitos anos. É incrible a aposta e a involucración que está tendo Moncho Vicente e a súa empresa co noso club. E gran parte do que somos agora mesmo, debémosllo a eles. Se algún día decide non continuar esponsorizándonos só teremos palabras de agradecemento a Acanor. Dende o pasado verán incrementou a súa aposta non só co primeiro equipo, se non con todas as categorías, aumentando a súa aportación de maneira sobresaínte.

-¿Que xogadores e técnicos veñen de renovar co primeiro equipo?
Como anunciamos recentemente dende o club, o adestrador José Ramón Muñoz “Jota” seguirá, ao igual que Germán Fernández “Jimy” (que se fará cargo, ademais do equipo “B”). Renovouse tamén a Kevin García (porteiro), Miguel Sío (máximo goleador a tempada que vén de rematar), Manu Martínez, Iago Flores, Carlos Rodríguez “Charli”, César Armán, Isma Martínez, Miguel Trigo e Roberto “Harris” (que está en proceso de rehabilitación e a súa volta se prevé para finais deste ano).

-¿Hai entón varios descartes e aínda algunha retirada de míticos xogadores, non?
Pois si, a pesar do seu bo rendimento, decidiuse non renovar aos irmáns Alex e Sergey Tsybanev. Ademais do adestrador Manolo Armán, que non seguirá ao fronte do Acanor Novás “B”. Queremos rexuvenecer a estrutura do club. Non foi unha decisión por estar descontentos co seu traballo, pero si cremos que debemos apostar por adestradores cos que poidamos contar a corto e medio prazo. Non foi doada esta decisión porque Manolo é parte importante da historia do club. En canto ás retiradas, botaremos de menos a Jorge Pousa, que despois de case 20 anos “colga as zapatillas” e como non, ao noso capitán Víctor Armán “Viti”, que aos seus 31 anos vén de anunciar que pon fin a súa etapa como xogador.


-¿Houbo xa algún contacto e hai novos fichaxes para a vindeira tempada. Interesa algún xogador para suplir estas baixas?
Efectivamente, fichamos xa a Germán Hermida. Lateral e extremo dereito, de 22 anos, procedente do Octavio. É internacional coa Selección Galega e con experiencia en División de Honor Prata e Asobal. Outra nova incorporación é Ramón Pumariega. Pívot, de 26 anos, procedente do Calvo Xiria (campións de Liga), de moita envergadura (1’96 m) que nos dará poder de intimidación e algo distinto a Iago Flores. Ademais estamos en contacto con algún xogador xove e moi prometedor…
-O Acanor Atlético Novás pensa, como ben dis, no futuro e vén de organizar un Curso de Monitor Nivel I de balonmán.
Si, organizado polo club, baixo a tutela de docentes con titulación e supervisado pola Federación Galega de Balonmán, houbo un total de 15 alumnos (entre eles Víctor e César Armán, Iago Flores, Charli, Capi, xogadoras do Guardés, etc). Impartiron leccións por exemplo, Jota, Borja Ropero, Andrea Iglesias, Laura Martínez, Carlos de Castro, etc. Moi contentos coa acollida, xa que era un dos nosos obxectivos deste proxecto formar a xogadores e adestradores do club. Seguimos en contacto coa Federación para o vindeiro verán realizar o do nivel 2.
-Un dos pratos fortes deste verán será o I Campus Multideporte, tamén organizado polo Novás.
Si, neste I Campus, no que se introducirá o inglés, haberá tomas de contacto cos deportes máis practicados e tamén minoritarios (como o hockey ou rugby). Ademais, un en auxe, o balonmán praia. Aproveitaremos tamén para facer algunha ruta de sendeirismo e actividades na praia. Para nós é un pracer anunciar que catro dos deportistas rosaleiros máis grandes de todos os tempos (David Gómez, Serafín Martínez, Óscar Vicente e Xavi Díaz) acudirán ao Campus para falar sobre o deporte que practican, así como dar unha pequena clase e aconsellar aos máis pequenos.
-…E o 26 e 27 de agosto, o XVIII Trofeo Concello de O Rosal cun cartel espectacular.
Volvemos a dar un paso ao frente, para seguir sendo unha referencia nos torneos estivais. Ao noso club o acompañarán o Viveros Herol Nava (División de Honra Prata) o Frigoríficos Cangas (Asobal) dos rosaleiros Paulo Dacosta e Dani Cerqueira e o Atlético Valladolid (Asobal) co galego Rubén Río e Daniel Dujshebaev entre outros, e por suposto, co porteiro do Rosal Xavi Díaz. A nosa vila volverá a ser epicentro do balonmán nacional durante esa fin de semana. Intentaremos facer actividades paralelas para aproveitar o tirón que teñen eses equpos. Agradecerlles a súa presenza. Ao Nava lle temos un cariño especial, a pesar de que no seu momento nos privaran dun ascenso.
-¿Cando e como comezaches na directiva? ¿Teremos Andrés Senra como presidente do Novás para rato?
Polo menos me teredes que aguantar 3 anos máis (risas), que é o que marca esta “lexislatura”. Entrei na directiva do Novás fai 5 anos, porque mo pediron e sinceramente porque me vía válido para colaborar. Remataba o mandato do anterior presidente e comezábamos unha etapa con nova xente na directiva. Propuxéronmo como digo, e aceptei por ter o apoio e porque en definitiva, todos somos un grupo, unha piña.
