Dom. Ene 16th, 2022

Emilio, gaiteiro, por X.M.T.

Despois do introdutorio capítulo I e do segundo, “Emilio, cabo provisional“, seguimos coa nosa homenaxe a este mestre de Novás. 
Fillo de pai músico na Banda “La Peña”, de Alfonso Ulloa e logo da Agrupación “Charanga”, de Generoso da Carlota (Canastreiro), o xove Emilio comeza os estudos de solfeo en Belesar.
Alí cursará o Primeiro Método de Eslava, clave de sol, baixo a dirección do seu disciplinado parente, Manuel Blanco, membro da Banda de Música de Baiona, onde tocaba o baixo.
O seu primeiro instrumento foi unha flauta de lata (xoguete), formando el e dous nenos máis unha “charanguilla” de torreiro. O seu avó José, ao ver que o neno prometía, comproulle ao profesor Ulloa un “punteiro” que Emilio dominaba á perfección.
Isto fixo que, aos poucos meses, o propio avó lle volvera a encargar a Ulloa unha gaita (de buxo) con “chave” (re, agudo) cuxo coste foi de 60 pesetas e que pagou a familia de Belesar. Esta gaita acompañouno no servizo militar, a partir do destino de Cuenca.
Anos despois compraría unha nova, que pertenceu a Eduardo Fernández (Diño) e que foi adquirida na coñecida “Casa de la Música Villanueva”, de Vigo.
Emilio organizou sobre 1941 o primeiro grupo musical que algúns chamaban “Os Portelas”. Os integrantes eran: Emilio (gaita), Donato (gaita) e os irmáns Benedicto e Indalecio da Portela (caixa e bombo respectivamente). Actuaron por vez primeira (tiñan gorras e camisas blancas como indumentaria) ademais de nas festas populares de San Juan e San pedro, nas Festas do Monte Santa Trega (1942).
Alá por 1943-1944 se reforzou a agrupación, seguindo coas súas actuacións e coñecéndoselles agora por “Os Parrandeiros”.

 

En 1944 se reestruturou o grupo con Emilio e Pepe (o seu irmán) que tocaban a gaita; os irmáns da Portela, caixa e bombo e Celso de Refoxos, requinto. Tiñan xa uniforme en color verde con gorras de prato.
O mordomo das Festas do Carme daquel ano era o “Tío Joaquín de Griselda” (O Alambrador) que os bautizou co arxentinísimo nome de “Los Cinco Pibes”.
Sobre 1946 Emilio e Pepe Flores fundan o grupo “Os Albariños do Rosal”, nome dado pola Comisión de Festas do Trega dese ano ao consignalo no seu famoso libro-programa.
Nun tempo intermedio no que se suspenderon actuacións dos “Albariños”, Emilio formou parte da “Orquesta Flores” e do grupo gaiteiro “Os Terribles” de Donas (Gondomar) dende 1981 ata 1987.
Proximamente: Emilio, profesor de gaita, augardenteiro e carboeiro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies