Despois de dous anos sen celebrarse a Festa de San Xosé Obreiro en Novás, dende a súa activa Comisión anuncian que regresan “os djs, os grupos tradicionais e as orquestras, para bailar e volver a pasalo en grande co que máis nos gusta, a festa”.
Dará comezo o sábado 23 de abril coa presentación do “Spring Novás Fest“, con DJ Charlie, Cristian Pereyra, Adrián Mesu e Wonderkaos. Haberá cantina a prezos populares.
Xa o seguinte sábado, 30 de abril, a partir das 22:00 horas, verbena a cargo do Trío La Noche, de O Grove e un dos pratos fortes da Festa, a actuación da orquestra El Combo Dominicano, que se prolongará ata altas horas da madrugada.
O domingo 1 de maio, a partir das 11:30 horas, a tradicional baixada do santo acompañado do grupo A Boalleira de A Gándara (A Guarda) en procesión ata a Praza de Novás, onde ás 12:00 horas se celebrará unha misa de campaña na honra de San José, que estará cantada polo Coro Ecos do Folón.
A partir das 17:30 horas, actividades para nenos e nenas cun contacontos a cargo de Isabel Porto, con pintacaras e globoflexia. A continuación, subasta de produtos típicos, seguindo coa actuación das Pandereteiras Tremelique.