Inscrición da época romana, atopada en Eiras

San Bartolomeu das Eiras (1)
Actual emprazamento da igrexa de San Bartolomeu das Eiras

Hai pouco dábamos a coñecer o primeiro e máis antigo documento histórico do noso concello. Nos estamos a referir á “ara votiva” de Mercurio da vila de Marzán. Culto que a ese deus romano, se lle tributou, ben seguro, ata o século IV en que chegou o Cristianismo.

Hoxe imos tratar e dar a coñecer o segundo documento escrito en latín (idioma nai das linguas románicas) do noso concello. Estamos aludindo á ESTELA FUNERARIA EPIGRÁFICA DAS EIRAS.

Trátase, pois, dun texto escrito, e a súas verbas gravadas en soporte esquistoso (pizarra). Labra funeraria que serviu de tapa (lápida ou cabeceira) dalgunha sepultura.

O lugar, certamente é significativo, onde foi atopada por nós en 1953. Se coñece co nome de “Adro Vello”, barrio da Igrexa na parroquia de San Bartolomeu das Eiras (concello do Rosal). Dita labra epigráfica, que alí deixamos naquel entón, hoxe atópase desaparecida (na imaxe principal, panorámica dende “Adro Vello”).          

Damos a coñecer o texto da dita estela funeraria (quizais sexa -fora- un fragmento) segundo a nosa transcrición. Esta foi publicada como ilustración e por vez primeira, no noso libro sobre a “Per loca marítima (1)“. E tamén na reseña histórica que, como colaborador, sae na Gran Enciclopedia Gallega (1974), na entrada: EIRAS.

Estela Eiras O Rosal

Anotamos a continuación a lectura, que sobre esta inscrición, fixo a xove arqueóloga (probada epigrafista), Gema Baños Rodríguez (2).

  MEDAMVS

CORALI (ou l (i) (filius)

HIC SITU

EST

AN (NORUM) XXV

Nós facemos a seguinte tradución libre: MEDANO, FILLO DE CORALO, FOI (ou está) SEPULTADO AQUÍ Á IDADE DE 25 ANOS.

A presente “estela funeraria”, toda unha mensaxe, atopábase no intre da súa localización, enriba da parede norte que cercaba (e cerca) diferentes propiedades, que como dixemos, se nomea: “Adro Vello”. Denominación, que nos evidencia o anterior lugar onde estivera (estivo) emprazada a primitiva igrexa parroquial (3) ata 1787, en que dito templo foi trasladado ao actual emprazamento en 1791, ao pé do castro (romanizado) da Madanela, coroado pola ermida deste nome.

Adro Vello, prometedora zona arqueolóxica, que ben se merece unha minuciosa prospección, atópase a pouco máis de 200 metros da beira do Miño e do Porto vello da “Pedra das Horas”, mencionado xa no século XIV.

Así mesmo, distante do citado castro da parroquia, sobre 500 metros e da vía romana “Per loca marítima”, zona de Carril (topónimo) que lembra á calzada primitiva, menos de 500 metros.

Tal achádego e outro do que tamén falaremos, son en verdade singulares, aténdonos a ese expresivo topónimo. É lugar clave, que nos leva a supor alí, tanto unha vila como unha primitiva necrópole tardío romana. Se non na mesma zona de “Adro Vello” si nas súas inmediacións. Era de ritual, na chegada e expansión do Cristianismo (entre os séculos IV-V da nosa Era) que a Igrexa Católica cristianizase todo lugar onde se practicaran cultos paganos.

Como sabemos, o repetido nome de “Adro Vello” nos evidencia que alí, reiterámolo, estivo a igrexa primitiva e o seu cemiterio, no mesmo “adro”.

A data histórica máis antiga da que temos noticia é do século XII, concretamente do ano 1198 (en documentación do Mosteiro de Oia), pero ben seguro que era moi anterior.

Fica, pois, aquí este segundo testemuño, tanto para a Historia da parroquia de Eiras, como para a do noso municipio do Rosal.

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE

 

(1) Del Tamuje, J.M. La vía romana “Per loca marítima” por el Bajo Miño y Costa Atlántica (1975), lám. VII, páx. 14.
(2) Baños Rodríguez, G. Corpus de Inscricións Romanas de Galicia. (Provincia de Pontevedra-Consello da Cultura Galega), 1994, nº 141, páx. 333.
(3)Martínez Tamuxe, Xoán. “Construcción de la iglesia de Eiras en el siglo XVIII”. (Actas do I Congreso Gallaecia, A Guarda, novembro 1988), páx. 235-252.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies