
Case dous anos despois volvemos a entrevistar ao adestrador rosaleiro Diego Álvarez Fernández. Velaquí vos deixamos esta pequena conversa que tivemos recentemente con el, tras rematar o seu equipo, S.A.D. C.D.S.C. LA DEHESA, no 3º posto do grupo XVI da Segunda División de Madrid. Fantástica tempada a do míster do Rosal e os seus xogadores, que, en verdade, pasaron por moitos “atrancos” (como dispoñer de unicamente 12 fichas ou ¡non ter porteiro!)
-En primeiro lugar, Diego, graciñas por concedernos esta entrevista para Noticias O Rosal e noraboa polos teus éxitos en Madrid. ¿Que tal por esas terras, trátante ben?
Moitas grazas, agradecervos o voso interese. A verdade que me atopo moi ben por Madrid, aínda que como sabedes, a terra tírame moito. Realmente, o trato que recibe unha persoa, está un pouco relacionado cos seus actos, polo que teño que dicir que me tratan moi ben, tanto no Club coma na RFFM e o mesmo na RFEF.

-Adestras a un equipo cadete na Segunda División de Madrid e segues formándote como técnico. ¿Compaxínase ben todo?
Si, é unha cuestión de organización e de vontade. Todo é máis doado cando te dedicas integramente ao fútbol. Tamén é certo que neste mundo, debes estar continuamente formándote e reciclándote, aprender novas técnicas de traballo e outras ferramentas que te axuden a seguir avanzando. É unha profesión que está en continua evolución a todos os niveis (táctico, técnico, psicolóxico, físico…)
-Tivo que ser complicado xogar dende principio de tempada sen porteiro ou cos xogadores xustiños, “tirando” dos rapaces de categoría infantil, ¿non?
Pois si, comezamos sendo 13 xogadores de campo e iso, sen porteiro, un problema que nos fixo traballar máis do esperado, pero puxemos broche e final a unha tempada incrible, onde sempre estivemos nos primeiros postos, alcanzando aínda o primeiro posto nalgunha ocasión, enfrontándonos a grandes escolas e clubs de fútbol. Sempre lle dixen aos meus xogadores que confiasen no que traballábamos pola semana, que nos podían gañar no resultado, pero xamais no esforzo e na actitude. Fomos solidarios nas axudas permanentes aos compañeiros, ofensivas e sobre todo, defensivas, xa que na portería estaba outro compañeiro que non era gardameta. Se houbo algo no que insistín moito aos rapaces foi nestas tres premisas: HUMILDADE, TRABALLO E ILUSIÓN.
-Cal era entón o teu equipo “base”, de cadetes en La Dehesa, eses “13 magníficos”, que comezaron esta 2015-2016.
Pablo Manso (1º portero, que deixou o o equipo na primeira volta)
Álvaro Gil (deixou o equipo a falta de 3-4 partidos)
David Patiño (porteiro en media parte)
Ángel Domínguez
David Fernández
Javier Del Rio (porteiro en media parte)
Juanjo Pérez
Ignacio Javier Cañas (porteiro en 5-6 partidos)
Víctor Matías
Pepe Gómez
Javier Romero (porteiro nun partido)
Pablo Cruzado (porteiro en 3-4 partidos)
Pedro Alba
-Pepe, o teu “pichichi”, incrible xogador, ¿non? Supomos que terá “noivas” para a próxima tempada ou cres que quedará no club.
Certo. Pepe é o actual pichichi da Liga, e coma ben dis, conseguiu acadar ese pichichi tamén dos 16 grupos da categoría (208 equipos). É un xogador ao que nunca lle faltaron noivas, pero de momento segue no club no que se formou dende pequeno e cos mesmos compañeiros cos que comezou a dar as primeiras patadas ao balón, polo que teñen unha amizade máis alá do fútbol. Persoalmente, penso que pode estar nunhas categorías máis por riba, e veremos que pasa de cara á próxima tempada. Tan só lle desexo que siga traballando ca misma humildade e respecto coma ata agora, e que decida o que decida, que sexa feliz.
–Que pasou nese último partido de Liga, pois Pepe necesitaba moitos goles para ser o máximo goleador da categoría. ¿Cal é a historia dese encontro?
Chegamos á ultima xornada sabendo que os nosos rivais gañaran e que xa non podíamos ascender, o que nos fixo poñernos outro obxectivo, que o noso xogador “estrella” pepe conseguir a o pichichi, que o tiña a 2 goles. Pero, xogamos contra un rival moi duro defensivamente e para máis, Pepe me di o día antes que seguramente non podería xogar, porque tiña 39’5 de febre. A falta de 3 horas para o partido, Pepe ten 38’5 de febre, pero a súa ambición por intentar logralo, o fan presentarse o partido cunha cara de enfermo que “madre mía” (risas). Comeza o encontro e todo o equipo se pon a disposición de Pepe para que poida facer polo menos 3 goles. Realmente foi incrible ver a todos volcados e traballando para o compañeiro. E o bo, antes do descanso e para sorpresa de todos, Pepe xa metera 4 goles. Moitísima alegría como imaxinaredes por parte de todos pola consecución do obxectivo, o que nos levou despois de toda esta dura tempada a celebralo por todo o alto e sacarnos a tensión acumulada.
-¿Diego Álvarez ten algunha oferta na mesa para a seguinte tempada, quedará de novo na Dehesa? ¿Sabe xa cal vai a ser o seu futuro inmediato? ¿Madrid… O Rosal… outras opcións?
Bueno, dende o Club no que estou sempre me fixeron chegar o cariño e a su disposición para que continúe unha tempada máis, o cal, agradezo enormemente, pero aínda non sei se seguirei. Teño algunhas ofertas que me chegan dende a Federación, Comité e outras entidades e clubes, as cales estou estudando e valorando. Si podo adiantar que, máis alá do club no que estea, a próxima tempada a compaxinarei coa Dirección Técnica dunha Escola de Fútbol en Getafe. Sinceramente o que máis me apetece agora e chegar a miña terra, “O Rosal”, pasar o verán aí e “desconectar” o que se poida. Sobre todo psicoloxicamente, que o necesito… e que mellor sitio para facelo, que a comarca do Baixo Miño.

-Gustaríanos saber -en resumo- como teñen sido as últimas charlas e conferencias ás que tes asistido. Coincidiches nalgunha con persoeiros como Del Bosque, Antic, Camacho… cóntanos como foi ou está sendo esta experiencia de formación con estes profesionais do fútbol.
A verdade é que non hai como estar na capital para poder asistir e disfrutar de Conferencias, Congresos, Ponencias… foi un bo ano de formación e aprendizaxe. Estiven con Del Bosque, Camacho, Javier Miñano, Delgado Meco, Radomir Antic, Oscar “el profe” Ortega, Santi Denia, J.R. Sandoval, Velasco Carballo e bastantes máis profesionais deste mundo, dos cales aprendín moitas técnicas de traballo. É unha gran satisfacción poder rodearte de todas estas eminencias e poder aprender deles. Agradecer ao Comité Nacional de Entrenadores e ao Comité Madrileño de Entrenadores, polas oportunidades e actos os que me convidaron. Un auténtico pracer.

-Algunha mensaxe ou algo que Diego Álvarez queira transmitir a quen poida ler esta entrevista.
Gustaríame expresar que este mundo, o do fútbol, vai moito máis alá do que moita xente se poida imaxinar. Moito máis alá do que algúns pensan, escriben e publican… é máis complexo que todo iso. Un mundo, que como adoito dicir, ¡é infinito! Tanto a nivel de traballo coma modelos de xogo, sistemas, metodoloxía, etc, nunca se para de evolucionar.
Quero agradecerlle o apoio, dende aquí, en primeiro lugar, á miña noiva, Patri. Ela é a que me “aguanta”, me escoita e aconsella da mellor maneira. Estou seguro de que non é doado ser noiva dun “tolo” do fútbol.
