Descúbrese unha ermida de Santa Trega en O Rosal

Imaxe de Santa Trega en A Guarda. (📸 Cadilla)

Pola última documentación do mosteiro de Santa María de Oia, que nos foi facilitada polo amigo Agustín Alonso, noso ilustrado colaborador en temas históricos, confírmase a noticia da existencia dunha ermida de Santa Trega en Pías (San Miguel de Tabagón – O Rosal).

Non se trataba, pois, como en principio pensamos, que tal ermida de Santa Trega de Pías, puidera ser a da parroquia de Santa Mariña de Pías, concello de Ponteareas.

Aquel documento, que nos quitou de dúbidas, deunos a clave de que Pías se trataba. Dito documento di: “Los vecinos de la aldea de Pías son medios feligreses de Santa Marina del Rosal (si, naquel entón, 1275) y medios de San Lorenzo de Salcidos (tamén nesa data lle pertencía a ermida de San Gregorio de Pías). Escrituras de Pías que hay en el Archivo”.

Igrexa parroquial de San Miguel de Tabagón (📸 Tamuxe)

Dunha ducia de documentos, que fan mención a esta ermida, só anotamos esta: “Era de 1376 (que corresponde ao ano 1338) Lorenzo Martínez por y en nombre de María Domínguez con su poder, vendió a Fr. Juan de Fragoso, monge del Monasterio de Oya y para el dicho Monasterio, tres leyras de heredad que yacen na Barrosa (a par da ermida) de Santa Tecla de Pías e yaz a una leyra a cabo de una leyra de Santa María de Oya e a una a cabo de una leyra que compró Domingo Eans (Yáñez) de Juan Gregorio…

Mentres seguimos investigando, podemos xa adiantar, por exemplo, que o lugar da Barrosa atopábase na histórica zona da “Devesa de Rabadillo”; que entre este lugar e a lendaria “Fonte do Ouro” existiu en época romana, unha industria cerámica, un “furnus tegularum= forno de tellas”. Na Idade Media e aínda despois, sábese que os monxes de Oia tiñan nesa zona (en 1575) unha propiedade coñecida polo “Telleiro Vello”.

Sabemos pola nosa investigación que o nome que se repite na documentación, como é o de Fr. Domingo Eanes (Yáñez) foi abade do Mosteiro, así mesmo, que dito abade, non era de Pías de Portugal, como se creía, senón de Pías do concello do Rosal.

Lugar da Devesa de Rabadillo en Pías, posible emprazamento da ermida (📸 Tamuxe)

Ao remate do noso estudo, daremos tamén información e resultado das escavacións arqueolóxicas realizadas no 2001 na “Devesa de Rabadillo”.

Co descubrimento desta nova ermida de Santa Trega de Pías, contabilízanse no concello do Rosal un total de 15 antigas ermidas e capelas.

NOTA: Na actualidade, o escritor local Xoán Martínez Tamuxe está dirixindo a investigación para a publicación dun libro sobre a historia e devoción a Santa Trega nos concellos de A Guarda e O Rosal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies