Lun. Ago 15th, 2022

✍️📸 Lucía Pita / Prensa SonRías Baixas 2022

O dúo de pop electrónico actuará na noite do xoves 4 de agosto, na xornada de apertura do festival, que encabezan na súa 19ª edición artistas como Kase.O, Tanxugueiras, Rayden, La M.O.D.A. ou Rels B.

O festival mantén aberta a posibilidade de adquirir a prezo reducido o abono de tres días, que inclúe acceso á zona de acampada, por 50 euros.

O festival SonRías Baixas 2022 completa o cartel da programación musical da súa nova edición, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de agosto en Bueu. O dúo electro-pop Delaporte, conformado por Sandra Delaporte e Sergio Salvi, actuará na noite do xoves 4 no marco da xornada de apertura da gran cita musical da península do Morrazo do verán, que este ano recupera a súa modalidade de gran formato. No seu directo o grupo dará a coñecer ‘Abril’, o seu último traballo discográfico e, sen dúbida, o álbum coas sonoridades máis clubbing da súa traxectoria, na que destacan himnos como `Clap, clap’, ‘Ni un beso’ ou ‘Droga dura’.

Delaporte súmase así a un cartel ecléctico conformado por 20 artistas consagrados ou noveles, de diferentes estilos e con propostas singulares e que transitan entre o rap, as músicas de raíz, a electrónica, o rock ou o stoner. Bandas como Tanxugueiras, La M.O.D.A. ou Ciudad Jara presentarán sobre o escenario de Bueu os seus traballos discográficos máis recentes, nun festival no que, ademais, o dúo Arnau Griso se despedirá do público galego.

O lineup complétano Rels B, Eskorzo, Sofía Gabanna, Sara Hebe, Bala, Suu, JazzWoman, Emlan, Maurino, Cool Nenas, Kase.O, Rayden, Buhos, García Mc & Nación Quilombo e Balkan Paradise Orchestra.

Concertos por días
Os concertos do 19º SonRías Baixas arrancarán o xoves 4 nunha xornada protagonizada polos ritmos urbanos e pola aposta por artistas novos con carreiras emerxentes. As persoas asistentes poderán gozar do magnetismo único e pop urbano de Rels B, que conta con decenas de millóns de seguidores en todo o mundo; da música electrónica do proxecto italoespañol Delaporte; do inconfundible son da promesa do rap arxentino Sofía Gabanna; da rapeira valenciana JazzWoman, sempre disposta a abordar nas súas letras temas como a denuncia social ou o empoderamento feminino; do future latin de Maurino; e da enerxía de Cool Nenas, sempre preparadas para ofrecer a festa perfecta.

O venres 5 o SonRías Baixas continuará co seu habitual espírito festivo, cheo de potencia e enerxía coas actuacións de Kase.O, que volve a Bueu na súa xira do 10º aniversario del ‘Jazz Magnetism’ despois de esgotar as entradas o ano pasado; Rayden, coñecido pola súa lírica e habilidade para fusionar xéneros musicais sempre definido polo seu xénero de orixe: o rap; Ciudad Jara, que presentará o seu novo disco, ‘Cinema’, nun potente e ecléctico directo; Buhos, o grupo festivo de referencia en Cataluña e no Estado na actualidade; Bala, auténticas referentes da escena do rock/metal alternativo; Emlan, co seu novo e sorprendente show de rock, pop e espectáculo; e García Mc & Nación Quilombo, que nos proporá unha estimulante viaxe polas dez illas do seu ‘Arquipélago Quilombo’.

O festival pechará esta edición o sábado 6 de agosto coas actuacións de Tanxugueiras, o trío de pandeireteiras que está a converterse nunha auténtica revolución para a música tradicional galega; La M.O.D.A., unha das bandas co directo máis potente do momento, presentando o seu ‘Nuevo Cancionero Burgalés’; Arnau Griso, no que será o seu concerto de despedida ante o público galego; Ezkorzo, unha auténtica bomba enerxizante deseñada para que o público non poida parar nin un segundo; Sara Hebe, sempre imparable e versátil, presentando novo traballo no que será o seu único concerto en Galicia este verán; os ventos e percusións das Balkan Paradise Orchestra; e Suu: sempre acompañada polo seu ukelele é xa unha das músicas catalanas máis seguidas e escoitadas na actualidade.

Abonos e entradas de día á venda
O festival mantén neste mes de xuño o período para adquirir na páxina web oficial www.sonriasbaixas.info un cupo limitado de abonos de tres días -que tamén inclúen o acceso á zona de acampada, situada a 150 metros da praia- a prezo reducido, por 50 euros (máis gastos de xestión). No caso daquelas persoas interesadas en asistir a unha ou dúas xornadas concretas do evento, tamén existe a posibilidade de mercar, no mesmo espazo web, entradas por día desde 30 euros (máis gastos de xestión).

Ademais, á hora de mercar os seus abonos, o público terá a opción de solicitar a promoción precarga da súa pulseira cashless. A escolla desta proposta implicará, automaticamente, unha recarga de balde do saldo (dun 10% sobre o prezo da entrada) na súa pulseira, que será o sistema único de pago no interior do recinto.

SonRías Baixas 2022
O SonRías Baixas, organizado pola promotora PlayPlan, é un dos grandes eventos de música ao vivo no verán en Galicia. Neste 2022 o Festival SonRías Baixas recupera o seu gran formato para presentar unha ampla, festiva, dinámica e potente programación que terá lugar a primeira fin de semana de agosto, concretamente os días 4, 5 e 6 en Bueu (Península do Morrazo).

O pasado mes de marzo o festival sumou un novo recoñecemento á súa traxectoria ao acadar o Premio á Mellor Estratexia de Comunicación e Marketing nos Iberian Festival Awards, os galardóns que salientan o traballo e logros de promotoras, eventos, artistas e marcas que conforman a industria de festivais en España e Portugal. O galardón que suma este ano SonRías Baixas foi outorgado, en anteriores ocasións, a citas peninsulares como Dreambeach Festival (2020), Low Fest (2019), Sonorama Ribera (2018), Resurrection Fest (2017) e Primavera Sound (2016).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies