Chega “A 10k”. ¿E ti, eres de correr ou de andar?

A nosa vila acolle os vindeiros días 14 e 15 de xullo a quinta edición das Carreiras e Andaina 10k O Rosal Feira do Viño 2018.

Esta xa clásica e ineludible cita do panorama deportivo galego está organizada por AD Ten Sports e Qualité Sport, en colaboración co Concello do Rosal, diferentes adegas e entidades da comarca.

Este ano, como novidade, se poderá escoller entre 5k (1 volta ao percorrido) e 10k (2 voltas). A saída e chegada de todas as probas terá lugar na céntrica Praza do Calvario.

A proba de nenos/as celebrarase o sábado 14 de xullo de 10 a 11 horas.

A Andaina 10k inaugura os actos dominicais (10:00 horas) cun percorrido guiado polas pesqueiras e algúns lugares emblemáticos da vila, finalizando coa visita e degustación de viño en Adega Pateira.

Benito A. Gándara ofrecerá unha visita e degustación de viño na “Pateira”

A Carreira está programada para media hora máis tarde, polo que a saída dos 5k e 10k será conxunta, homes e mulleres (maiores de 16 anos), ás 10:30 horas do domingo 15 de xullo.

Víctor e Diego entrando en meta nunha edición da Carreira 10k

Segundo se informa dende a Organización, haberá duchas e servizo de gardarroupa. Ademais a entrega de dorsais e chips se fará o sábado 14 de xullo de 11:00 a 12:00 horas e o domingo de 9:00 a 10:15 horas. Para recoller o dorsal-chip é necesario presentar fotocopia do DNI ou documento acreditativo (carnet de conducir, pasaporte) ou xustificante da inscrición.

Coincidindo coa XXVI Feira do Viño do Rosal, declarada de Interese Turístico Galego, este evento -con agasallos, sorteos e avituallamento incluído- establece un máximo de 300 participantes.

Participantes da Andaina nunha edición anterior

Andar ou correr polo Paraíso, esa é a cuestión. O que está claro é que quen decida pasear na Andaina 10k ou ben avanzar un pouquiño máis rápido por O Rosal coa Carreira, disfrutará das nosas incribles historia, paisaxe e gastronomía, que, por suposto -que imos a dicir 😜- tamén son de 10. 

As inscricións pódense realizar na páxina www.championchipnorte.com, mediante transferencia enviando un correo a info@qualitesport.com ou de forma presencial no ximnasio Excalibur de O Rosal (MEGA Sport Center) ata o mércores 11 de xullo ás 23:59 horas.

¡Benvidos/as a O Rosal!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.