Coñece O Rosal

 

Praia
Escrito por JUAN RAMÓN MARTÍNEZ BARBOSA (O Rosal, Xardín do Baixo Miño. Ed. Concello do Rosal, 2009).

 

INTRODUCIÓN

O Concello da Moi Leal Vila do Rosal -título este de Vila que lle foi concedido polo rei Alfonso XII en 1879- está situado ao suroeste de Galicia, na provincia de Pontevedra.

Pertence á comarca do Baixo Miño, limitando polo norte co concello de Oia; polo sur con A Guarda e o río Miño; polo leste con Tomiño e ao oeste co océano Atlántico (tendo 3 km de costa).

Conta cunha extensión de 41’2 km cadrados e unha poboación de preto de 6500 habitantes. A súa principal canle fluvial é o río Tamuxe ou Carballas, que nace nos montes da Groba e desemboca no Pai Miño. Algúns dos seus montes son O Torroso, O Campo do Couto, A Valga, O Lousado e As Bornas.

Está integrado por catro parroquias: Santa Mariña do Rosal, San Miguel de Tabagón, San Xoán de Tabagón e San Bartolomeu de Eiras.

Xoán Martínez Tamuxe. Gravados en Eiras (3)

HISTORIA

No concello atópanse vestixios do Paleolítico e do Neolítico, sobre todo na parroquia de Eiras. Tamén existen restos da cultura megalítica na Valga. En canto á cultura do Bronce e o arte rupestre existen máis de 20 estacións.

Da cultura castrexa podemos enumerar -entre outros- os Castros de Parada, do Picón, de Martín, da Magdalena, do Pombal ou os Castros de Francia. Con respecto á romanización, sobresaen a vila romano-visigótica de San Vicente de Marzán e o castro do Pombal, en Tabagón.

As primeiras referencias escritas en canto a O Rosal, como parroquia, datan de 1137, a propósito da doazón que o rei Alfonso VII e a súa muller dona Berenguela fan da igrexa do Rosal ao mosteiro de Santa María a Real de Oia.

Característico do Rosal son as chamadas xuradías. Segundo o historiador guardés Domínguez Fontela, esta clase de división remóntase á Idade Media. Só coñecemos documentación que alude á elección de xurados no século XVII. A parroquia de Santa Mariña atópase dividida en catro xuradías: Ferreiros, Fornelos, Novás e Marzán. Dende 1847 O Rosal é concello independente ao emanciparse da Guarda.

FESTA DO CABAQUEIRO

Cada 12 de outubro e dende 1988 celébrase na Praza do Calvario (Santa Mariña do Rosal) a Festa do Cabaqueiro, en lembranza dos telleiros rosaleiros e do Baixo Miño, considerados por moitos, herdeiros dos ceramistas romanos que ocuparon os castros da bisbarra. Ano tras ano, os cabaqueiros fan na Praza a demostración en directo desta arte de “taxicar cabacas e toupos a joucha” (facer tellas e ladrillos a man).

Feira do Viño do Rosal

A FEIRA E O VIÑO DO ROSAL

A implantación e difusión do viño do Rosal débese aos monxes cistercienses do mosteiro de Santa María a Real de Oia. Os viños brancos da subzona do Rosal pertencentes á D.O. Rías Baixas están considerados como dos mellores do mundo. Multitude de prestixiosos premios ás nosas adegas avalan esta afirmación. Grazas ao noso microclima a súa variedade de uva orixina dous tipos de caldos: ALBARIÑO elaborado con uva albariña, de aroma afrutado, envolvente e sensual e ROSAL coidadosamente obtido de misturar as uvas de albariño, o loureiro e o caíño branco, de excelente finura e porsonalidade. O noso val e as súas adegas forman parte da denominada Ruta do Viño das Rías Baixas. O Concello creou en 1993 a agora recoñecida Feira do Viño do Rosal e mostra de produtos típicos.

CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA

O Camiño Portugués da Costa pasa polos barrios de Portecelo e Sanxián. É un traxecto duns 3 km, paralelo e inmediato ao mar, entre A Guarda e Oia, no que atoparemos cruceiros, cruces e petos de ánimas como símbolos da tradición relixiosa dos nosos antepasados e a historia dos nosos barrios.

SENDEIRO DE PESCADORES RÍO MIÑO-TAMUXE

Constitúe unha ruta natural de 7’2 km de lonxitude no que se percorren as ribeiras do río Miño e o seu afluente, o Tamuxe. Pódese comezar, indistintamente dende a praia de Eiras ou na área recreativa do Muíño das Aceñas (San Miguel de Tabagón). O sendeiro está homologado pola Federación Galega de Montañismo como PR-G 112, de baixa dificultade.

Ruta Muíños Folón Picón. 26-8-2013 (6)

MUÍÑOS DO FOLÓN E DO PICÓN

O conxunto histórico-etnográfico dos Muíños do Folón e do Picón na vila do Rosal o forman 67 muíños hidráulicos que foron declarados Ben de Interese Cultural en 1998. Premios como o Agader ao embelecemento do medio rural no 2003 ou a homologación da súa ruta de sendeirismo, fan deste enclave rosaleiro un punto de referencia turístico no Baixo Miño.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies