Lun. Jun 27th, 2022

✍️📸 Agrupación Musical do Rosal

A Agrupación Musical do Rosal celebra este sábado día 4 de decembro un concerto ás 19:00 horas, no Auditorio do Rosal, con motivo da festividade de Santa Icía. A entrada será de balde, previa retirada de invitación no auditorio ou reserva no 📞 986 626 311 ou mediante WhatsApp no 609 866 792.

O concerto deste ano, que xa se realizará de xeito presencial, abranguerá obras de diferentes estilos e autores. Comezaremos cun pasodobre vangardista do mestre José Rafael Pascual Vilaplana, director titular das Bandas de Música Municipais de Bilbao e Barcelona, titulado Sit de Plata. Esta obra está dedicada á Banda da Asociación Musical ‘Virgen del Remedio’ de Petrer, en Alicante, para conmemorar o seu XXV aniversario no ano 2014.

Ca segunda obra do programa, e tras a incorporación dos novos músicos á banda, viaxaremos ata a illa de Menorca. The Island of Light (A Illa da Luz) do compositor murciano José Alberto Pina ilustra lendas e lugares desta fermosa illa e está composta en tres movementos. No primeiro, “Cova d´en Xoi”, poderemos escoitar a lenda dun moro alcumado Xoroi, que tras un asalto de piratas, quedou abandonado sen poder embarcar e estivo moito tempo oculto sen que ninguén o soubese. Roubaba durante a noite o que precisaba para alimentarse e durante o día permanecía oculto na cova. Ninguén sospeitaba do ladrón ata que, un día, desapareceu unha moza da zona. Tras unha gran nevarada que cubriu a illa, os veciños atoparon pegadas que os levaron ata a cova, onde descubriron á moza, que xa era nai de tres fillos. Ó ser descubertos, o pirata saltou ó baleiro. O segundo movemento, “sobre las nubes” sirve para comprender a visión do autor da illa dende o ceo. Música fermosa e expresiva que describe a beleza dun lugar único. A obra remata con “Los Gigantes”, aqueles que, segundo conta a lenda, traballan a pedra e constrúen marabillas arquitectónicas como os famosos “Talaiots”.

Posteriormente entrará en xogo a “Second Suite for Band” de Alfred Reed, compositor do que conmemoramos o 100 aniversario do seu nacemento. Esta suite, subtitulada “Latino Mexicana”, consta de 4 movementos. O primeiro, Son Montuno é un movemento alegre e enérxico cunha gran aportación da música latina. O segundo, “Tango”, é un contraste co primeiro xa que se trata dun movemento lento e onírico, cun delicado acompañamento de tango. A terceira parte da obra, “Guaracha”, é un xénero de música popular que se orixina en Cuba e que posúe un ritmo rápido. E para rematar, un “Paso Doble” que dende o inicio nos traslada unha imaxe de poderío, emocionante e vitorioso.

A continuación interpretaremos unha peza na memoria dun gran amigo da nosa banda que nos deixou recentemente, D. Nicolás Camino. Foi a primeira voz da Radio Galega e defensor nos seus programas da música das bandas e corais de Galicia. Co seu sorriso e amabilidade sempre estaba disposto a todo alí onde estivera unha banda de música e tivemos a sorte de contar coa súa presenza no Rosal en numerosas ocasións.

Para rematar o concerto escoitaremos, nunha colaboración co grupo LIROLAI, a Rumba do Muíño. Esta peza ten un especial significado para a Agrupación, xa que foi a escollida, durante o confinamento, para a realización dun vídeo conmemorativo para o día das letras galegas. Serviranos para simbolizar o avance na loita contra o virus e a conquista, paseniñamente, das costumes pre-pandémicas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies