Visita e charla de Ángel Carracedo en O Rosal

Ángel Carracedo. (Foto: Miguel Muñiz / ABC)

VISITA DE D. ÁNGEL CARRACEDO AO CPI MANUEL SUÁREZ MARQUIER

Informa: CPI Manuel Suárez Marquier

A comezos deste curso, refórmase no CPI do Rosal -que dirixe Xosé Tomás Díaz– unha antiga cociña anexa á biblioteca. A intención é mellorar as súas funcións como cociña, e ampliar as súas posibilidades como laboratorio.

O Concello de O Rosal asume os gastos de reforma, así como a man de obra dos seus traballadores, e durante o mes de xullo de 2017 realízase a transformación. Inicialmente vén cubrir a necesidade de contar, en Primaria, cun espazo de experimentación no ámbito científico, e así comeza a súa andadura.

Posteriormente, e dada a súa ubicación estratéxica, abre as súas portas a outro tipo de iniciativas, como son os obradoiros científicos de alumnado a alumnado, no marco da programación da Biblioteca Escolar (en concreto co programa de voluntariado). É, pois, como calquera outra dependencia do centro, un espazo aberto á colaboración entre Primaria e Secundaria, e a iniciativas pedagóxicas que non se limiten a etapas ou niveis.

Este martes 16 de xaneiro contaremos coa presenza de D. Ángel M.ª Carracedo Álvarez, catedrático de Medicina Legal, investigador e experto internacional en xenética, para realizar a inauguración do laboratorio, que, a partir dese día, levará o seu nome.

Aproveitando a súa visita, celebraremos un acto dobre, e os organizadores oficiais son o CPI, o Concello de O Rosal e a ANPA do CPI : 

-Ás 17:00 horas: breve acto de inauguración do laboratorio. Un grupo de rapaces e rapazas (que estarán traballando nun experimento), así como representantes da administración educativa (asistirán o Xefe Territorial, D. César Pérez Ares, e o noso inspector, D. Carlos Acuña), do Concello, e da ANPA do centro.

– Ás 18:00 horas o evento terá lugar no Auditorio Municipal de O Rosal . O público, desta volta, sería amplo e diverso: familias, nenos e nenas, docentes do noso propio ​Centro Público Integrado “Manuel Suárez Marquier” e doutros cercanos. Será aberto a todo o público en xeral.

Contará con catro partes:
1. Breves palabras oficiais.
2. Breve documento audiovisual sobre a figura de Ángel Carracedo.
3. Intervención de Ángel Carracedo.
4. Coloquio-entrevista: unha alumna de 4º EP, outra de 6º EP, e unha terceira de 4º ESO, xunto cun pai do Consello Escolar, formarán un grupiño de entrevistadores.

Unha profesora será a moderadora desta parte. As catro persoas realizarán preguntas por quendas, nun formato dialogado. Acordamos con Ángel Carracedo que os principais focos de interese da súa intervención, e da parte de coloquio, serán dous, baseados na súa experiencia: por unha banda, a súa traxectoria profesional (cuestións sobre investigación, sobre a súa faceta profesional, así como a evolución persoal ata converterse nun científico de elite); por outra, a súa visión do sistema educativo, que en reiteradas ocasións ten expresado en medios de comunicación e diferentes eventos públicos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.