Lun. Ago 15th, 2022

✍️📸 Concello do Rosal.

Velaquí vos deixamos a nota de prensa íntegra remitida polo Concello do Rosal con motivo da presentación da axenda cultural para este verán 2022.

“O verán chega a O Rosal cunha morea de actividades de alta calidade e moi diversas para achegar a cultura, a música e o lecer a todos os públicos e todo o municipio. O Concello conta para os meses de xullo e agosto cunha intensa programación cultural na que haberá cabida para concertos, festivais, cine, monicreques, deporte e moito máis. “Continuamos apostando por encher de lecer o noso municipio, por iso preparamos un programa moi completo co que revitalizar os nosos barrios e poñer en valor os espazos de lecer cos que contamos”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A axenda cultural arrancará o vindeiro 19 de xullo co concerto de Roberto Caco na Praza de Fornelos ás 21.00 h e o xoves 21 coa actuación de Na Revolta no Torreiro de Marzán (21.00 h). O venres 22 chega unha das actividades estrela, a presentación dunha nova edición do proxecto Memoria Viva, que recolle o inestimable testemuño de dous novos maiores que atesouran grandes coñecementos da historia e devir do Rosal. Será ás 20.30 h no auditorio municipal.

Os días 23 e 24 de xullo a UD Ribera organiza en colaboración co Concello o V Torneo de Fútbol 7 O Rosal, que se disputará no campo de fútbol da Mata, con premios e trofeos para os equipos gañadores e tamén para o mellor porteiro e xogador. O 24 e 25 de xullo chega a Festa do verán do Pilar con dous días cheos de actividades no colexio da Mata co concerto estrela de Treixadura ou o Festival Xente Xida. Haberá tamén xogos populares, torneo de xadrez e monicreques, entre outras actividades.

O mes rematará coas Xornadas de Cine nas Eiras organizadas pola Asociación Ghorghalado en colaboración co Concello do Rosal, que durante os días 28, 29 e 30 de xullo achegará ao público a unha oferta cinematográfica difícil de atopar nos circuítos habituais.

Agosto estrearase con música: concerto de Man de Santo e Ska Soul o xoves 4 de agosto (21 h no Torreiro de Sandián), concerto de Simant Dúo o venres 5 (21 h na Abadía das Eiras), Klason ao abeiro do Amdor Cámara Fest o luns 8 (21 h en Lagar de Cervera) ou Brais das Hortas, Zona en Obras e a banda da Escola da Agrupación Musical do Rosal o día 10 (20 h no Torreiro de Novás). O martes 16 será a quenda dos monicreques da man de Tarabelos Teatro (20 h, Parque de Pías) e o mércores 17 será a primeira presentación dun dos protagonistas de Memoria Viva no seu propio barrio, en Tabagón, con actuación previa de Big Band de Amador Cámara Fest.

Os concertos continuarán o 20 de agosto co Festival de Músicos Xoves Amdor Cámara Fest (20h Colexio da Mata), o día 21 co Festival de Corais (20 h na igrexa de Santa Mariña), o domingo 22 co Quinteto Suso González (21 h na igrexa de San Miguel) e o día 23 cos solistas do Amdor Cámara Fest como teloneiros da segunda presentación nos barrios do proxecto Memoria Viva (20 h na igrexa de Santa Mariña). O mércores 24 será a quenda de Caamaño Ameixeiras ás 21 h no Ecoparque de Martín.

A oferta de lecer completarase ademais coas visitas guiadas aos muíños do Folón e do Picón que organizará o Concello totalmente de balde. As saídas serán os venres 15 e 29 de xullo e 12 e 26 de agosto ás 19.00 horas. As persoas interesadas poden inscribirse xa a través da web municipal.

A alcaldesa quere agradecer especialmente “a gran colaboración que existe entre Concello e todas as asociacións e entidades, que nos permite traballar man a man para poder ofrecer un verán máis unha programación con actividades diversas e de calidade”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies