
A Asociación de Comerciantes e Industriais do Rosal inaugura a súa sede na Cámara Agraria
O venres 10 de xuño inaugurouse a nova sede da Asociación de Comerciantes e Industriais do Rosal (ACOR), que estará situada, de aquí en diante, no primeiro piso do edificio da antiga Cámara Agraria da vila, xunto ao Xulgado de Paz.

Autoridades e directiva de ACOR, antes do acto inaugural, aproveitaron para visitar o Centro Etnográfico “Casa dos Oficios do Rosal” (sección do Cabaqueiro), que está na pranta baixa, quedando admirados da historia e singularidades do traballo dos nosos mestres telleiros.
Deu a benvida o alcalde do Rosal, Jesús Mª Fernández Portela, quen estivo acompañado pola tenente de alcalde, Mª Carmen Alonso. O recén elixido presidente da Asociación de Comerciantes e Industriais do Rosal (ACOR), Pablo Álvarez Alonso, agradeceu ao concello esta cesión de instalacións, facendo así mesmo, un chamamento á colaboración e ao “non esquecemento” tanto por parte da Cámara de Comercio de Tui (representada polo seu secretario, Javier Pérez Alves e o seu presidente, Gumersindo Alonso Gestoso) e da Confederación de Empresarios de Pontevedra, representada polo seu secretario xeral, Medardo Arias.
