ANABAM e A Jalleira Afea coorganizan unha limpeza costeira dende Portecelo (O Rosal)

limpeza_costeira_ANABAM_JALLEIRA

 

Informa: Manuel Ángel Pombal Diego.

ACTIVIDADE DE EDUCACIÓN E SENSIBILIZACIÓN AMBIENTAL

ANABAM e A Jalleira Afea co-organizan unha limpeza da costa que se celebrará o vindeiro domingo 20 de marzo.

Este ano, a Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM) xunto coa Asociación Forestal e de Educación Ambiental A Jalleira AFEA co-organizan unha limpeza da costa como actividade de educación e sensibilización ambiental, aberta á participación de todas aquelas persoas que queiran colaborar, tanto en grupo como de forma individual.

A acción desenvolverase nos arredores de Portecelo (concello de O Rosal) o vindeiro domingo 20 de marzo a partir das 10.00 h, tendo como punto de encontro a explanada que hai en Portecelo, a carón da estrada Baiona-A Guarda (ver situación e coordenadas no mapa que se adxunta).

Esta actividade enmárcase tamén dentro das actividades da edición número 21 do Programa “Iniciativas Oceánicas” desenvolvido pola “SurfriderFoundationEurope”, que este ano ten por lema “Ningún respiro ao lixo” (sendo lema local da nosa actuación “Por un mar de futuro”). A SurfriderFoundation é unha asociación de protección do litoral que vén organizando cada ano máis de 1.000 operacións de limpeza ao longo de toda a costa europea centradas maioritariamente na primeira fin de semana da primavera.

Cumpre salientar que arredor de 6,6 mil millóns de quilos de residuos chegan ao medio mariño cada ano, dos cales aproximadamente o 80% son de orixe terrestre, sendo os seres humanos os únicos culpables; polo tanto, somos nós quen temos que tomar medidas. Unha delas é participar activamente neste tipo de accións de sensibilización ambiental, accións que se poden desenvolver en familia.

Anímate e participa! Prégase que toda persoa interesada en participar nesta acción de sensibilización ambiental se rexistre a través dos seguintes enderezos de correo electrónico: anabam.anabam@gmail.com, ajalleira@gmail.com ou pombal@uvigo.es, indicando o número de persoas que van a participar e o seu nome completo. Nestes enderezos electrónicos tamén se pode solicitar máis información.

Lembra traer calzado e roupa cómoda (e vella). Hai que ter en conta que haberá que andar polas rochas do supralitoral. Tamén podes traer as túas luvas para recoller o lixo, aínda que a organización terá luvas dispoñibles de dous ou tres tamaños. Tamén haberá tinóns e sacos para facilitar a recollida do lixo e o seu posterior almacenamento. Trataremos de separar o material recollido en catro categorías; plásticos, vidro, metais (latas e chatarra) e papel; ademais tentaremos separar todo aquilo que poida ser reutilizado dentro da campaña que vén desenvolvendo ANABAM dende fai máis de 7 anos, como poden ser boias, cortizas, cordas, etc., aparte dos tapóns plásticos que serán destinados aos proxectos de Banta (banco de tapóns con sede no concello de Tomiño). Toda esta información será fornecida á SurfriderFoundationEurope dentro do informe final da actividade.

O programa ten como obxectivo reducir os residuos mariños desde a súa orixe, residuos que son orixinados polos humanos, que os abandona voluntaria ou involuntariamente en terra firme e no mar e que entran directa ou indirectamente no medio acuático. A maioría do lixo mariño afúndese no mar, mentres que o resto queda flotando na auga ou ben arrastrado cara ás praias e ribeiras. Cumpre sinalar que nas iniciativas oceánicas do ano 2015 participaron 48.886 persoas, das cales 19.445 eran escolares, repartidas en 1.184 recollidas realizadas en máis de 30 países. En total recolléronse 2.136,72 m3 de residuos.

Portecelo O Rosal

O concello de O Rosal colabora con nós encargándose de retirar as bolsas de lixo recollidas durante o desenvolvemento desta actividade nos arredores de Portecelo. Por outra banda, a confraría da Guarda tamén colabora subvencionando os carteis que anuncian esta actividade. Ao remate da actividade, entregarase algún agasallo a todos os participantes.

A continuación, engadimos a nota de prensa para as Iniciativas Oceánicas 2016 da EuropeanSurfriderFoundation:

NO BREAK FOR TRASH! NINGÚN RESPIRO AO LIXO!

Cada vez son máis as que veranean na costa. Ocupan as nosas praias e fondos mariños á vez que contaminan o entorno. É o LIXO MARIÑO. Non o deixemos gozar das súas vacacións no mar. Non lle demos ningún respiro! ¡No break for trash!

O programa de voluntariado “OceanInitiatives” (Iniciativas Oceánicas) pretende dar a coñecer o alcance desta contaminación cada vez máis crecente, en particular a “plastificación” dos océanos. Segundo un estudio publicado en 2014 cerca de 270.000 toneladas de plástico flotan nos nosos océanos, é dicir, 5 billóns de anacos de plástico. O que máis nos preocupa é que o 90% do plástico mariño acaba converténdose en micropartículas (tamaño inferior a 4,75 mm), o cal facilita que estas pasen a formar parte da cadea alimentaria – fenómeno de biomagnificación-.

Hai que recoñecer que nos últimos anos estanse dando pasos para a redución da contaminación polo lixo mariño, como reflicte a Normativa Europea sobre a Redución do Consumo de Bolsas de Plástico Lixeiras ou a Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña. Nembargantes, a realidade é que o plástico segue ocupando demasiado espazo nas nosas vidas. De feito, en España consúmense 51 millóns de envases de bebidas dun só uso cada día e cada persoa utiliza unha media de 133 bolsas de plástico ao ano.

Neste contexto Surfrider España, invita a participar nas Iniciativas Oceánicas a partir do 1º fin de semana de primavera para loitar contra o lixo mariño. Xa sexa na cidade como na costa, na praia, en lagos ou en ríos, animamos a todos os voluntarios a participar nunha actividade #oceaninitiatives!

Como unirse ás Iniciativas Oceánicas? Moi sinxelo: basta con apuntarse á actividade que ANABAM e A Jalleira Afea co-organizan o vindeiro domingo 20 de marzo en Portecelo (O Rosal).

Se queres organizar a túa propia limpeza, podes rexistrar a actividade na web ou notificar sobre a participación nalgunha das actividades xa programadas. A partir de aí, é deixarse guiar polo material educativo facilitado polo programa. Porque non só se trata de recoller residuos, senón de impulsar un cambio de hábitos no noso día a día para reducir o lixo desde a súa orixe. Ademais, as Iniciativas Oceánicas pretenden recoller datos a través da identificación e cuantificación do lixo mariño. Datos que se utilizan para establecer unha análise do estado da contaminación que recolle anualmente e que se expón no informe ambiental das Iniciativas Oceánicas, entre outros.

Ademais, Surfrider España, aproveita o lanzamento das Iniciativas Oceánicas para impulsar a campaña “BanthePlasticBag” (Prohibir a bolsa de plástico) que pide a prohibición das bolsas de plástico dun só uso, acompañando aos municipios españois involucrados nesta iniciativa.

Unha cousa é certa, está nas nosas mans cambiar o rumbo da situación. Polo tanto, unídevos ao programa Iniciativas Oceánicas a partir do 17 de marzo!

Nos pedímosvos que participedes na limpeza que organizamos o domingo 20 de marzo en Portecelo (concello de O Rosal).

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies