Altar do deus Mercurio en Marzán (O Rosal)

Ara Marzán. Xoán Martínez Tamuxe (1)
Ara de Marzán descuberta en 1968

Presentaremos nesta ocasión e tamén estudaremos, aínda que sexa brevemente, diferentes medios de aporte de noticias dende a mesma Historia.

Pois, a fonte e modo máis ordinario de comunicación, entendemento e difusión entre os pobos, entre os cidadáns, realízase tanto oralmente como por escrito.

Non dubidamos que a forma máis real, como eficaz e que perdura, fai historia e cultura, a través dos tempos, é a palabra escrita. Noutra ocasión consideraremos, aínda, tanto a comunicación, como a información ou as mensaxes na mesma Prehistoria.

O documento escrito (letras, que forman palabras) primeiro e máis antigo que coñecemos no noso territorio rosaleiro, atópase en lingua latina (do Lacio, rexión de Italia) e gravado en soporte de granito. Trátase dunha ara romana epigráfica, en función de altar dedicado ao deus Mercurio (o Hermes grego), divinidade protectora, tanto de camiñantes, como de mercaderes.

Xoán Martínez Tamuxe (2)
A ara, no chan, á dereita da imaxe (1972)

Considérase, pois, unha valiosa peza arqueolóxica, un auténtico e prezado testemuño documental escrito, con máis de 2000 anos de antigüidade. Este é o seu texto: DEO MER FRO CAP EXV (véxase imaxe).

Deo/Mer (curio) / Fro (ntonius) Cap (ito) / Exv (oto). Ofrenda de Frontonio Capito ao deus Mercurio (débese esta lectura ao filólogo Isidoro Millán G. Pardo).

Este monumento foi atopado no lugar de Marzán (ben seguro, unha antiga vila romano-visigótica) dentro da ermida de San Vicente. Achádego que realicei en 1968, dándoo a coñecer posteriormente en diferentes medios de comunicación. Dita ara foi depositada en 1974 no Museo Histórico Diocesano de Tui (evitando que se levase para o Museo Provincial).

Xoán Martínez Tamuxe (3)
Alfredo García Alén (Museo de Pontevedra) e Isidoro Millán co autor deste artigo (1972)

Reiterámonos en que, posiblemente, se tratase dunha vila romana de carácter agrícola, dun posesor romano de nome Martinus (Marciano) de onde pode derivarse -etimoloxicamente- o topónimo: Marzán.

Poboado rosaleiro onde, en plena época da romanización dos nosos castros galaicos, os seus habitantes practicaban o culto pagán. E proba disto é a mensaxe da ara romana dedicada ao deus Mercurio. Culto que, cando menos, puido practicarse nos castros, ata o século IV despois de Cristo en que o emperador Constantino, co Edicto de Milán de 313, declarou o Cristianismo como relixión oficial do Imperio.

Como evidente proba da inmediata chegada do Cristianismo, están os dous sepulcros visigóticos nas inmediacións da capela de San Vicente. Desta etapa e destes sarcófagos falarei noutra ocasión.

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE

BIBLIOGRAFÍA

-ACUÑA F., Paloma. “Contribución al estudio de las religiones romanas en Galicia. Ara votiva de Marzán”, páx. 208, en Museo Arqueológico Provincial. Boletín Auriense. Tomo VII (Ourense, 1977). 

-BAÑOS RODRÍGUEZ, Gema. Corpus de inscricións romanas de Galicia (Ara votiva de Marzán). Santiago, 1994, páx. 331.

-DEL TAMUXE, J.M. Desde el Bajo Miño. “Colaboración con el Equipo Operación Rescate” (Colexio PP Somascos). El Pueblo Gallego, 4 de xaneiro, 1972.

-DEL TAMUJE, J.M. La Vía romana “Per loca marítima” por el Bajo Miño y Costa Atlántica (1975), páx. 16. Lámina X.

-Entrada na Gran Enciclopedia Gallega. O Rosal (X.M.T.)

-MARTÍNEZ TAMUXE, Xoán. Ara votiva ao deus Mercurio e os sepulcros visigóticos en Marzán (O Rosal). Traballo inédito.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies